Cambre remitirá de xeito gratuíto os certificados de empadroamento para a escolarización dos nenos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCambre
A-
A+

O alcalde de Cambre, Manuel Rivas Caridade, anunciou que durante o mes de febreiro do próximo ano 2014 remitirá aos domicilios onde residen todos os nenos veciños de Cambre que ao longo do próximo ano cumpran os 3 anos -idade mínima de escolarización voluntaria nos centros educativos sostidos con fondos públicos- dous certificados de empadroamento e dous volantes de empadroamento, coa finalidade de que os seus pais ou titores legais poidan realizar de forma máis cómoda todos os trámites relativos á escolarización dos seus fillos. O prazo de solicitude de admisión nun centro educativo está aberto cada ano aproximadamente durante o mes de marzo, polo que o concello remitiraos aos domicilios con tempo suficiente para que se reciban nos domicilios antes de que comece ese prazo.

Até este ano as persoas que desexaban obter un certificado de empadroamento debían acudir dúas veces ás dependencias municipais, unha para solicitalo e outra para recollelo, ademais de abonar as taxas de 2 euros pola expedición de cada certificado. Este trámite é obrigatorio para a escolarización dos nenos, xa que o certificado de empadroamento é un dos documentos que obrigatoriamente deben presentar os trámites para solicitar a admisión dos seus fillos nun centro educativo. A partir do próximo ano 2014 o concello remitirá os certificados ao domicilio onde estean empadroados os nenos, de forma gratuíta, de maneira que os pais non deberán desprazarse aos rexistros municipais nin abonar as taxas. Así, e segundo indican desde o concello, tamén se evitarán as tradicionais colas que se producían nos rexistros municipais durante os meses de febreiro e marzo polo que mellorará tamén a atención aos veciños nas dependencias municipais.

Para informar ás máis de 200 familias que se beneficiarán deste novo servizo municipal, o alcalde remitirá nos próximos días unha carta explicativa a todos os domicilios indicándolles que xa non deberán acudir ao concello a solicitar os certificados de empadroamento

23 de decembro de 2013 | 13:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.