‘Big Ciencia’ converterá o Obradoiro de Santiago no taboleiro xigante dun concurso científico
Santiago de Compostela será mañá o primeiro escenario de Big Ciencia, un novidoso concurso popular sobre ciencia e innovación impulsado pola Consellería de Economía e Industria que este mes de decembro converterá as fachadas dos edificios máis emblemáticos das cidades galegas en xigantescos taboleiros de xogo.
Tras estrearse ás 18.30 horas de mañá na praza do Obradoiro (sobre a fachada do Colexio de San Xerome, sede do reitorado da Universidade), a xira do Big Ciencia continuará o próximo día 13 na Coruña, o 14 en Lugo e o 20 en Ourense, e rematará o 21 en Vigo. O concurso tomará así as principais rúas das cidades durante as vésperas do Nadal e nel poderán participar todos os cidadáns que se animen a medir os seus coñecementos fronte a un rival, sen necesidade de inscribirse previamente.
O obxectivo desta actividade, promovida pola Axencia Galega de Innovación coa colaboración da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (Fecyt), é achegar a innovación á cidadanía dun xeito ameno e divertido nas rúas da súa cidade. Esta acción de divulgación conta cun espectacular e innovador formato, xa que combinará en plena rúa o concepto clásico de xogo de coñecementos coa proxección arquitectónica de gran formato.
Taller práctico sobre a tecnoloxía que fará grande o concurso
A gran novidade do Big Ciencia radica en que o taboleiro de xogo, no que se proxectarán a gran escala as preguntas e as respostas, será a fachada dun céntrico edificio da cidade na que se estea levando a cabo o evento, o que converterá cada acción en única.
Isto será posible grazas ao uso da proxección arquitectónica de gran formato, unha técnica ata o momento reservada a actividades de carácter artístico e que permitirá a Big Ciencia crear un novo concepto de divulgación científica totalmente innovador e de grande impacto visual.
Ademais, todos os interesados nesta tecnoloxía audiovisual terán a posibilidade de coñecela de preto nun taller práctico que se realizará nas cinco cidades galegas nas horas previas ao concurso. O de mañá en Santiago celebrarase desde as 17.45 h. da tarde nunha carpa situada na praza do Obradoiro.
Para todos os públicos
A mecánica do Big Ciencia será moi sinxela co obxectivo de facela accesible para todos os públicos, independentemente do seu nivel de coñecementos. O concurso botará a andar no momento no que dúas persoas se sitúen ante os pulsadores e a xigantesca pantalla. As preguntas serán tipo test e os participantes deberán elixir a resposta correcta de entre catro posibles, contando coa axuda dos espectadores para facelo. Precisamente este comodín do público fomentará a participación de todos os asistentes ao concurso, que ten o obxectivo de enganchar desde un principio dada a súa axilidade.











