Benvida oficial aos 6 novos funcionarios da Policía Autonómica de Ourense

Rogelio Martínez na visita á sede da Policía Autonómica de Ourense
O delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Rogelio Martínez, acompañado pola xefa territorial da Consellería de Presidencia, Mª Sol Díaz, achegouse esta mañá á sede da policía autonómica de Ourense para darlle a benvida aos seis funcionarios que se incorporaron recentemente ao seu cadro de persoal e aproveitou a visita para desexarlles bo Nadal aos axentes deste corpo policial, que nestas datas navideñas seguen a traballar facendo quendas nos días festivos para garantir a seguridade dos ourensáns.
Coa toma de posesión destes novos 6 policías, na actualidade o cadro de persoal conta cun total de 60 efectivos.
Martínez González e Díaz Mouteira, acompañados do Xefe da Unidade da Policía Autonómica de Ourense, Indalecio Freire, percorreron as instalacións e coñeceron o traballo diario que desenvolven os funcionarios adscritos a esta unidade policial.
Tarefas
A Policía Autonómica leva a cabo tarefas de prevención, investigación e control de incendios forestais, furtivismo, control e seguimento da violencia de xénero, investigacións medioambientais; relacionadas tamén ca sanidade animal, caza e pesca fluvial; seguridade e intervención; e investigación en materia de menores e familia. En Ourense este corpo policial ten máis carga de traballo por seren a provincia que rexistra un maior números de lumes e que conta cun maior número de centros de menores, concretamente tres.
O delegado territorial agradeceulles aos axentes o seu compromiso e entrega e díxolles que “o labor da Policía Autonómica abrangue eidos tan importantes para a vida cotiá dos cidadáns, que por esta razón o voso traballo incide directamente na calidade de vida dos galegos”.











