publicidade hoxe

Becerreá acollerá a VI Festa de Exaltación dos produtos do mar na Montaña

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBecerreáCalendarioLugo
A-
A+

O Deputado provincial e Alcalde de Becerreá, Manuel Martínez, presentou este mércores no Salón de Actos de San Marcos, a VI Festa de Exaltación dos produtos do mar na Montaña, co mexillón novamente como produto estrela. Bares e restaurantes deste Concello e dos limítrofes ofrecerán ducias de preparacións diferentes deste popular molusco, que poderán ser degustados por todos os que se acheguen ata a localidade os días 6 e 7 de decembro.

Martínez subliñou que “os Alcaldes sabemos mellor que ninguén os beneficios económicos que reportan este tipo de eventos para as localidades que os acollen e as limítrofes, tanto de xeito inmediato, porque son capaces de atraer multitude de visitantes durante os días que dura o evento favorecendo as vendas, como a medio e longo prazo, xa que contribúen a situar no mapa turístico ós Concellos”. De feito, moitos visitantes que se dirixían ós Ancares paran dende hai tempo en Becerreá para facer coincidir a súa visita con esta festa, “e mesmo nos visitan noutras épocas do ano”, segundo destacou Martínez. A colaboración económica que presta a Deputación é fundamental para manter estas celebracións, especialmente logo de que coa chegada de Núñez Feijóo á Xunta “desapareceron as axudas que recibiamos”.

A Deputación destinou no 2013 máis de 160.000 euros, a través do Plan Estratéxico de Subvencións, para financiar diversas iniciativas encamiñadas a poñer en valor e difundir os produtos autóctonos, co fin de mellorar a súa comercialización e convertelos en factor de desenvolvemento económico para os municipios.

2 toneladas de molusco

As actividades darán comezo o día 6, no que todos os bares e restaurantes participantes que ofrecerán ós seus clientes diferentes preparacións co mexillón como ingrediente principal. O día anterior, o Concello distribuirá, de xeito gratuíto, 10 quilos deste molusco a cada bar e 20 no caso dos restaurantes, ata sumar 2 toneladas. O día 7 terá lugar a tradicional degustación de mexillón que organiza o Concello. A partires das 20:00 horas, no recinto do Multiusos, o Concello ofrecerá a todos os visitantes diferentes preparacións do produto, co único requisito de facerse cun dos pratos conmemorativos que se porán á venda ó prezo de 4 euros. Este ano a imaxe representada será a de igrexa do convento de Penamaior. A programación completarase con xogos infantís e ambientación musical.

4 de decembro de 2013 | 17:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.