Baltar pide ao Consorcio da Ribeira Sacra que convoque antes de que remate o ano a constitución da comisión de seguimento
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, ven de solicitar ao Consorcio Turístico da Ribeira Sacra que convoque a constitución da comisión de seguimento antes de que remate o ano e solicita que na xuntanza participen os asinantes do convenio para a candidatura de Patrimonio da Humanidade así como o Valedor do Pobo, a Consellería de Cultura e dous alcaldes de cada provincia, en representación de todos os concellos da Ribeira Sacra de Ourense e Lugo.
Manuel Baltar xa remitiu un modelo de adhesión aos 92 concellos da provincia de Ourense e a entidades públicas e asociacións, para fortalecer a candidatura. Asemade, na páxina web da Deputación de Ourense figurará un enlace para recoller as adhesións de carácter individual.
O presidente provincial propón como data para a celebración da primeira reunión da comisión de seguimento o día 30 de decembro en Escairón (Lugo), e suxire que na xuntanza se aborden temas como a unificación da imaxe da candidatura da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade; estudar prazos e elaborar un calendario de reunións, e unha primeira aproximación ao custe económico que supón a formalización da candidatura, ademais de suxerir a convocatoria de reunións de carácter mensual e analizar as obrigas económicas das partes.
Manuel Baltar realiza esta proposta logo de que o pasado 14 de decembro os presidentes das deputacións de Ourense e Lugo e o presidente do Consorcio Turístico da Ribeira Sacra asinaran no Mosteiro de San Pedro de Rocas (Esgos) o convenio de colaboración para a formalización da candidatura da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade, un acto que contou tamén coa presenza do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez, e do Valedor do Pobo, José Julio Fernández, así como con alcaldes e representantes dos concellos que integran a Ribeira Sacra nas provincias de Ourense e Lugo, e que supuxo o comezo do camiño para que este singular espazo natural sexa declarada Patrimonio da Humanidade por parte da Unesco.
O convenio recolle nas súas cláusulas que a finalidade é colaborar conxuntamente no desenvolvemento das actuacións necesarias para presentar diante do Centro do Patrimonio Mundial da Unesco a proposta de inscrición da Ribeira Sacra (Lugo e Ourense) para a súa declaración como Patrimonio Mundial.
As achegas económicas dos asinantes do convenio, así como, no seu caso, das institucións e entidades público-privadas que se sumen a este documento, serían fixadas na xuntanza que Baltar propón para o vindeiro 30 de decembro, pola comisión mixta de execución e seguimento, e no que atinxe ás adhesións, o documento sinala que ten “carácter aberto”, polo que será remitido aos gobernos autonómico e estatal para que, se o estiman oportuno, se adhiran ao mesmo. Do mesmo xeito, o convenio tamén estará aberto a posibles adhesións de máis entidades públicas ou privadas.
Manuel Baltar destaca que todos estes pasos que se están dando “son fundamentais para acadar o obxectivo marcado: a declaración de Patrimonio da Humanidade por parte da Unesco para a Ribeira Sacra, pois a fortaleza do proxecto está na unión, na cooperación entre institucións e entidades e no traballo conxunto que entre todos fagamos para lograr esta meta”.
Baltar agradece o traballo de todos os axentes implicados nesta tarefa, en especial aos alcaldes, “figuras fundamentais neste proceso”; ao consorcio “que os aglutina nun aspecto máis que importante como é o turismo”; á Deputación de Lugo que, ao igual que a Deputación de Ourense, “aprobou unha declaración institucional de apoio”, e tamén fondo agradecemento ao Valedor do Pobo “polo estudo técnico e académico que está a realizar a prol da Ribeira Sacra”, así como á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria “polo apoio inequívoco que amosou para que a candidatura da Ribeira Sacra sexa a aposta do goberno autonómico”.











