Asínase en Carballo o contrato para os traballos de “conservación do pavimento en varias rúas do casco urbano”

Sinatura do convenio
O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e un representantes de Construcciones López Cao SL veñen de asinar na Casa do Concello o contrato administrativo para a realización das obras de “Conservación do pavimento en varias rúas do casco urbano de Carballo”. Esta actuación realízase grazas á incorporación de aproximadamente un millón de euros do remanente de tesourería para a realización de varios proxectos, entre os que están, ademais do mencionado. a mellora da capa de rodadura en viarios estruturantes de distintas parroquias que soportan un elevado nivel de tráfico; a dotación dunha capa de rodadura en Nétoma-Razo, Ferradal-Bértoa e Paraíso-Berdillo; o acondicionamento da contorna do cemiterio de Berdillo; o soterramento das estruturas eléctricas no lugar da Piña en colaboración do Concello da Laracha; labores xerais de mellora da seguridade viaria; a substitución da caldeira do Concello; o acondicionamento da rúa Valle Inclán, actualmente en marcha. A actuación incluída no contrato asinado hoxe, martes 10 de decembro, implica a realización de traballos de mellora do firme en 20 rúas do casco urbano de Carballo con máis de mil metros cadrados de superficie. O prezo de adxudicación ascende a un total de 194.741,03 euros, mentres que o prazo de execución previsto é de 25 días naturais a partir do día seguinte á sinatura da acta de replantexamento.











