Asinados os contratos para as obras de rebacheo e mellora de camiños en 12 parroquias de Carballo

Sinatura do contrato
O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e Diego Vázquez, director xerente de Construcciones Ramón Vázquez y Reino, veñen de asinar na Casa do Concello dous contratos para a realización de traballos de rebacheo e mellora de camiños en ata doce parroquias do municipio por un importe total de 273.613 euros. Así, o primeiro contrato que se subscribiu está incluído no Plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal (POS) de 2013 e trátase do “Rebacheo e mellora da rodadura en varios camiños nas parroquias de Razo, Sofán, Berdillo, Lema, Aldemunde, Goiáns e Carballo no Concello de Carballo”. O prezo de adxudicación é de 84.458 euros (IVE incluído) e o prazo de execución de 90 días. Hai que lembrar que o POS 2013 inclúe tres proxectos, sendo os outros dous a “Mellora de abastecemento en Xoane (Goians) e Carracedo (Ardaña)”; e a creación dunha “Rede de saneamento en Castelo, 2ª Fase, parroquia de Vilela”. O segundo contrato asinado hoxe, luns 9 de decembro, na Alcaldía, trátase do “Rebacheo e mellora da rodadura en varios camiños das parroquias de Sísamo, Cances, Oza, Razo e Lema no Concello de Carballo”. Neste caso as obras están financiadas con cargo ao remanente de tesourería das arcas municipais. O prezo de adxudicación é de 188.155 euros (IVE incluído) e o prazo de execución estipulado de 45 días.