publicidade hoxe

As tarefas de optimización da escola infantil de Dodro superaron os 175.000 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDodro
A-
A+

A Consellería de Traballo e Benestar está a impulsar no concello de Dodro a mellora das instalacións, tanto da escola infantil como do centro de día. O obxectivo deste esforzo é optimizar as instalacións para conseguir unha atención de máxima calidade.

A titular do departamento autonómico, Beatriz Mato, visitou hoxe o concello para coñecer en persoa estas actuacións. Alí precisou que a mellora da escola infantil, con capacidade para 41 alumnos de 0 a 3 anos, contou cun investimento que supera os 175.000 euros. Recordou, ademais, que o mantemento destas instalacións supera os 215.000 euros anuais

As principais actuacións que se desenvolveron foron: a ampliación e acondicionamento da cociña; a habilitación dun espazo de usos múltiples; a elevación da cuberta dos patios exteriores; e habilitación de novas zonas de aseo.

Esta iniciativa inscríbese na aposta da Consellería pola conciliación da vida laboral, persoal e familiar, que se reflicte nas preto de 8.600 prazas públicas que está a ofrecer a rede A Galiña Azul neste curso. Isto supón un 58 por cento máis de oferta da que había en abril de 2009.

Durante a súa visita, Mato adiantou tamén que xa deu comezo o procedemento de contratación da mellora da accesibilidade do centro de día do concello. Esta instalación ten unha capacidade para 45 prazas, e a Xunta inviste no seu mantemento preto de 500.000 euros ao ano.

Coa optimización do centro de día, conseguirase mellorar o pavimento, levar a cabo unha nova entrada para vehículos reducindo os graos de inclinación da rampla, crear un acceso peonil máis seguro, e protexer os distintos niveis con varandas. En todas estas accións investiranse 82.000 euros.

Xa no eido laboral, a conselleira destacou que nas últimas semanas comezou o obradoiro de emprego “Terras de Iria”, que impulsaron en colaboración os concellos de Dodro, Rois e Padrón.

Grazas a este programa mixto de formación e emprego, no que se están a investir preto de 200.000 euros, un total de 22 persoas desempregadas están a recibir unha formación de calidade e teñen accedido a un posto de traballo. As áreas nas que están a especializarse son fábricas de albanelería, e instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes.

Nas últimas semanas téñense posto en marcha un total de 50 obradoiros por toda Galicia, cun investimento de máis de 9,5 millóns de euros e preto de 1.300 beneficiarios.

2 de decembro de 2013 | 17:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.