As seleccións galegas infantil, cadete e xuvenil de balonmán viaxan a Asturias para disputar o Campionato de España
As seleccións galegas infantil, cadete e xuvenil masculinas e femininas viaxarán o día 1 de xaneiro en dirección a Asturias, onde se celebrarán os campionatos de España de seleccións territoriais destas categorías entre os días 2 e 7 de xaneiro. Os combinados galegos viaxan coa máxima ilusión despois de varios meses de traballo preparando esta importante cita. Estes últimos días 27, 28 e 29 celebraron unhas concentracións para ultimar o traballo. Será a primeira vez que se celebren os tres campionatos de forma simultánea na mesma comunidade.
Precisamente Galicia optou a facelo o pasado ano, pero a decisión do Consello Superior de Deportes de suspender o campionato de España das categorías cadete e infantil, imposibilitou que se puidera organizar. Finalmente en Galicia tivo lugar o Campionato de España xuvenil, e varios meses despois en Zamora organizouse o cadete (no 2013 non houbo campionato de España da categoría infantil). No 2014, as localidades asturianas de Oviedo, Xixón, Avilés, Corvera e Langreo acollerán este gran evento que reunirá a máis de dos mil deportistas das 17 comunidades eutónomas e a cidade autónoma de Melilla (só Ceuta non presenta equipos nesta cita).
Infantil feminino. Galicia, dirixida por Alejandro Ocampo, está incluída no grupo B xunto a Castela a Mancha, Valencia e Andalucía. O primeiro partido celebrarase o día 2 contra Andalucía a partir das 20:45 horas. Estes días, na concentración previa, logrou bos resultados e magníficas sensacións, cunha boa defensa e rápidos contraataques. Infantil masculino. O equipo galego forma o grupo B xunto a Castela e León, Andalucía e Canarias. Galicia debutará no torneo fronte a Canarias (19:00 horas) en Avilés. Non teñen un grupo fácil, pero os homes de Luis Montes aspiran a todo. Cadete feminino. Dos seis equipos galegos, é o único que comezará na Copa de España (que podería ser o equivalente á Segunda División). Aínda así, hai posibilidades de loitar polo título pero para iso teñen un camiño máis complicado, xa que nos cruces se enfrontarán aos mellores. De entrada o primeiro cruce é contra Melilla (días 2 e 3) e despois terá que enfrontarse ao equipo anfitrión, Asturias (día 4).
Difícil camiño para as rapazas de Javier Castro, que pese a todo viaxan con moita confianza no seu traballo. Cadete masculino. O equipo galego enfrontarase a Asturias, Castela e León e Madrid no grupo A. O primeiro partido será contra Castela e León o día 2 (19:00 horas) en Corvera. No 2013, Galicia logrou o sexto posto no Campionato de España disputado en Zamora, onde fixo un gran torneo. En decembro, o equipo gañou o Torneo Internacional O Salnes 2013, amosando un moi bo nivel. O adestrador cadete masculino é Emilio Pintos.
Xuvenil feminino. A selección xuvenil feminina, dirixida por Ismael Martínez, defenderá o bronce logrado o pasado ano no Campionato de España celebrado en Galicia. O equipo galego foi a sorpresa do torneo, xa que partía dende a Copa de España e tivo que eliminar á potente selección de Cataluña (neses intres vixente campioa de España) no cruce. Agora queren confirmar as boas sensacións que teñen nestes meses de adestramento. Galicia forma parte do grupo B, xunto a Euskadi, Cataluña e Andalucía. Debutarán o día 2 (19:00 horas) contra Euskadi en Xixón. Xuvenil masculino. Galicia tamén logrou a medalla de bronce no 2013, polo que quere repetir o bo papel realizado no pasado ano. Non houbo moita sorte no sorteo: Forma parte do grupo B xunto a Castela e León, Asturias e Cataluña, polo que será un grupo complicado, xa que se enfrontarán a Cataluña (actual campión) e o equipo anfitrión. Pero a selección galega presenta un equipo moi competitivo con xogadores de gran nivel, coma o porteiro Xoan Ledo, Román Pedreira e Rubén Río, convocados para formar parte da selección española que disputará a fase clasificatoria para o Europeo. O primeiro partido será contra Asturias o día 2 (19:00 horas) en Xixón. Adestrador: Eugenio Gómez.











