As seleccións galegas cadete masculina e feminina e a infantil masculina proclámanse campioas do torneo “O Salnés 2013”

Equipo cadete feminino
Galicia logrou o título en tres das catro categorías nas que se celebrou o II Torneo Internacional Deputación de Pontevedra “O Salnés 2013” , que tivo lugar esta fin de semana no Salnés. Na categoría cadete houbo pleno, con vitorias galegas en masculina e feminina. Ademais, tamén gañou a selección galega infantil masculina, mentres que a feminina foi segunda por detrás de Asturias. Agora, todos os equipos xa pensan no próximo campionato de España (Asturias, do 2 ao 7 de xaneiro).
Cadete feminino
Galicia, 20-Castela e León, 14. Partido dominado dende o principio polo conxunto galego grazas a unha forte defensa, algo que propicio que Castela e León non marcase nos primeiros 10 minutos. Así, Galicia logrou escaparse no marcador e aguantou ata o 10-6 favorable ás locais ao remate do primeiro tempo. No segundo tempo as rapazas de Javier Castro seguiron con intensidade defensiva, o que provocaba que lles custase máis lanzar ás de Castela e León, pero en ataque tiveron momentos de precipitación. Ao remate do partido, Galicia gañou 20-14, co que as galegas se proclamaron campioas invictas do torneo.
Galicia, 20: Noa Martín, Sara Alonso, Daniela Carranza, Paula Alonso, Carmen Prelchi (6), Nerea Bouzón (2), Sandra López (3), María Pereiro (5), Uxía García (1), Beatriz Sola (1), Paula Amorín, Lara Patiño, Carmen Pereira, Raquel García, Laura Rúa (2) e Laura Piñeiro.
Cadete masculino
Portugal, 23-Galicia, 25. No último partido do torneo Galicia se enfrontaba a Portugal para decidir quen sería o campión do torneo, e os galegos responderon cun parcial de 1-7 no marcador nos primeiros minutos. Pero despois, a selección lusa foi remontando ata chegar ao descanso cun resultado favorable (15-11). Pero Galicia non seu deu por vencida e foi reducindo distancias ata lograr poñerse por diante no marcador no minuto 40 (17-18). Ao final, vitoria (23-25) e título para os rapaces dirixidos por Emilio Pintos.
Galicia, 25: Brais López (4), José López (1), Pablo García, Carlos Vilanova (4), Pedro Toimil, Diego Freijeiro (3), Nico Nantes (1), Óscar Broullón, Marcos Pérez(1), Antón Rodríguez (9), Sergio Lorenzo, Sergio Altirriba, Daniel Ramos (1), Ángel Rodríguez (1), Uxío García e Raúl Nogueira.
Infantil masculino
Galicia, 29-Castela e León, 29. Partido igualado en todo momento cun xogo intenso por parte das dúas seleccións. Así, chegamos ao descanso con Castela e León por diante no marcador (15-18). Pero na segunda parte, grazas a un mellor labor defensivo, o equipo galego logrou aproximarse no marcador. Así, houbo un emocionante final, xa que a falta de 15 segundos para o final, Galicia logrou o empate coa transformación dun 7 metros. E ese gol foi salvador para os homes de Luís Montes, xa que así lograron un empate non só no partido, senón na clasificación do torneo a puntos. Pero por diferenza de goles, Galicia proclamouse campioa do !Salnés 2013”.
Infantil feminino
Galicia, 33- Castela e León, 22. Trala derrota da segunda xornada, Galicia acudía ao último choque sen opcións de gañar o campionato, pero con ganas de facelas cousas ben. E iso foi o que sucedeu. Partido tranquilo para as galegas que sempre estiveron por diante do marcador cunha vantaxe cómoda. A primeira parte foi bastante frouxa e na segunda apreciouse unha gran melloría na actitude que se veu reflectida no xogo. De novo, aproveitouse o partido para rotar ás xogadoras e probar diferentes sistemas cara ao Campionato de España.
Galicia: María Pereira (1), Julieta Álvarez (1), Paula Barciela (4), Uxía Ferreiro, Elia Dávila (1), Sandra Sánchez (5), Ruth Sánchez (2), María Álvarez, Zara Barrios (6), Fátima Fernández (3), Andrea Fernández (2), Ainoa Da Rocha, Uxía López (2), Begoña Otero, Sara Domínguez (3), Raquel Sineiro (3).
Seleccións xuvenís
Mentres, as seleccións xuvenís galegas traballaron arreo durante a fin de semana. A feminina tivo dobre sesión de adestramento o venres no Carballal, e o domingo foi a masculina a que adestrou en Bueu. O campionato de España xa está a volta da esquina e os conxuntos celestes queren dar unha boa imaxe.











