publicidade hoxe

As obras do mercado de San Agustín incluirán a instalación de dous ascensores panorámicos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O Concello da Coruña iniciará a principios do próximo ano a reforma do mercado de San Agustín tras adxudicar a primeira fase dos traballos, que comezará unha vez finalizadas as festas do Nadal cun prazo de execución de dous meses. O proxecto inclúe a construción de dous ascensores panorámicos no acceso á praza de abasto pola rúa Pío XII, ademais da eliminación de barreiras arquitectónicas, a instalación de ramplas e de cortinas térmicas nas entradas do edificio.

Os ascensores permitirán subir até a parte alta do mercado e admirar a beleza do interior do edificio, construído na primeira metade do século XX, xa que parte da estrutura dos elevadores será de cristal. O resto das actuacións incluídas nesta primeira fase, cuxo importe ascende a 129.349 euros, realizarase a petición dos propios placeiros, que levaban anos reclamando estas melloras que agora asumirá o Goberno local.

Co inicio destas obras, San Agustín inicia un plan de mellora e rehabilitación que se executará en tres fases. A segunda fase afectará integramente á planta baixa do mercado e abordará distintos traballos de mellora, acondicionamento e actualización co obxectivo de potenciar a beleza do mercado e de modernizar as instalacións.

Por último, a terceira e última fase da reforma de San Agustín afectará á primeira planta do mercado. En principio, a solución prevista tanto polo Concello como polos placeiros pasaría por destinar este espazo á celebración de actividades culturais, eventos puntuais e a actividade hostaleira, esta última cunha oferta diferenciada.

En calquera caso, tanto a segunda como a terceira fase da reforma de San Agustín non se abordarán até alcanzar un consenso cos placeiros, que achegarán as súas suxestións concretas ao proxecto definitivo antes da súa aprobación e posta en marcha, como ocorreu coa primeira fase das obras agora adxudicadas.

17 de decembro de 2013 | 13:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.