As medidas adoptadas polo Concello de Poio conseguen un aforro inmediato no alumeado do municipio
A concellaría de servizos, xestionada polo nacionalista José Ángel Lodeiro, ven de pór en marcha neste último ano unha serie de medidas encamiñadas a optimizar os recursos enerxéticos co fin de reducir o custe tanto económico como medioambiental no alumeado do noso municipio.
O investimento realizado, que se recupera desde o primeiro momento co aforro acadado, fíxose en lámpadas de baixo consumo, substituíndo as de 100 watios paulatinamente nas luminarias que fallan por outras de 70, naquelas zonas do concello nas que a visibilidade non se ve afectada.
A intención é ir mudando progresivamente o alumeado do concello por outro máis eficiente, conseguindo así reducir o consumo e por conseguinte a contaminación lumínica e a derivada da produción de enerxía eléctrica, sen que isto signifique unha diminución na calidade do servizo.
Outras medidas adoptadas até o de agora foron a redución en potencia da limitación horaria con temporizadores en parques e zonas públicas, e o seguimento exhaustivo dos resultados acadados coa implantación destes métodos de aforro.
Até o de agora, a redución conseguida foi dun 4,34 %, o que supón un aforro trimestral de media en enerxía eléctrica de 2.127,91 €, unha cifra considerable tendo en conta ademais a suba na tarifa eléctrica e o incremento do I.V.E. ata o 21 %.
Neste momento estase a experimentar cunha zona en probas na que se substituíron as luminarias de 100 w. por outras de 70, e se instalou un sistema de redución do 50 % na potencia, nunha franxa horaria restrinxida. Dependendo dos resultados acadados, estenderase este sistema ás zonas menos transitadas do municipio, sempre limitándoo a unhas horas determinadas dentro do horario de madrugada.
A concellaría de servizos pula pola optimización dos nosos recursos, para reducir o seu custe económico pero tamén para minimizar as consecuencias medioambientais. Continuarase a traballar nesta dirección para conseguir un maior aproveitamento e aforro en enerxía, e para reducir asemade o custe medioambiental, sen que isto repercuta no servizo que se lle proporciona á veciñanza.











