As federacións deportivas galegas maniféstanse en contra da reforma da lei do deporte estatal

Reunión das federacións
As Federacións Deportivas Galegas amosaron, nunha reunión celebrada o xoves 19 de decembro en Santiago de Compostela, o seu rexeitamento á proposta de modificación do apartado 4 do artigo 32 da Lei do Deporte Estatal na que está a traballar o Goberno de España.
As organización foron citadas para este encontro pola secretaría Xeral para O Deporte da Xunta de Galicia e no transcurso do mesmo o secretario xeral José Ramón Lete explicou aos representantes presentes o contido da modificación que o CSD pretende realizar da Lei do Deporte Estatal e que afecta directamente ás federacións autonómicas. Tras escoitar as explicacións do secretario, as federacións decidiron realizar unha votación e o resultado foi claro: Unanimidade en contra desta reforma que poría en perigo o futuro das institucións autonómicas.
Nesta reforma da Lei do Deporte proposta polo Consello Superior de Deportes habería unha licenza única que pasaría a depender de cada Federación Española. Desta forma, a configuración legal das federacións deportivas autonómicas e a súa división competencial respecto ás españolas queda totalmente esvaecida con este novo texto. Se las licencias federativas autonómicas deixan de existir, a consecuencia inmediata é que as federacións de ámbito autonómico quedan convertidas en meras delegacións das españolas, perdendo a súa autonomía e a súa capacidade de xestión dos seus recursos.
Ademais, as federacións galegas entenden que hai unha invasión competencial, xa que as competencias do deporte están transferidas ás comunidades autónomas, polo que consideran que esta modificación pode ser anticonstitucional, xa que “están a regular dende Madrid o que está regulado dende Galicia, a través da Lei do Deporte Galega aprobada hai un ano”.
As Federacións tamén consideran perxudicial para os deportistas xa que, por exemplo, un neno de 5 anos, deberá pagar unha licenza estatal cando non vai participar en ningunha probas a nivel estatal. Parece claro que o obxectivo é aumentar os ingresos das federacións estatais a costa das autonómicas, “pagando os desaxustes económicos existentes en moitas das federacións españolas onde hai os presidentes cobran soldos altísimos e non existe un control serio sobre as contas”. Mentres, en Galicia, as federacións autonómicas teñen a obriga de realizar auditorías anuais.
Varias federacións deportivas galegas xa presentaron de forma individual alegacións a esta modificación da Lei Estatal, case todas sinalando os aspectos sinalados con anterioridade, e confían en que o Goberno Central recapacite sobre este asunto e rectifique canto antes.