As empresas do Morrazo reparten na tradicional Campaña de Nadal premios aos seus clientes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCangasPontevedra
A-
A+

A campaña de Nadal das empresas asociadas a FECIMO – Federación de Comerciantes e Industriais do Morrazo, comezou a repartir premios entre os clientes fieis ao comercio local nestas datas. Dende o comezo da promoción o día 9 de decembro, xa foron 16 as persoas premiadas. O listado pode consultarse a través da páxina web de FECIMO. Ata hoxe saíron 14 premios de 50€, un de 100€ e outro de 200€. Dende a federación dámoslle a noraboa a todos eles e tamén aos establecementos que lles repartiron a sorte. Adxúntase PDF co listado de gañadores e algunhas fotografías. Os gañadores xa se identificaron nas oficinas de FECIMO, recollendo o seu premio en cheques-compra para canxear nos establecementos participantes na campaña. Todos os agraciados se amosaron moi contentos posto que supón unha axuda para mercar o necesario para estas festas e disfrutalo con familia e amigos. Esta promoción, que leva por nome “Todo un clásico do Nadal no Morrazo” xa se convertiu nun referente na comarca, un dos sorteos máis agardados pola cantidade de premios que se reparten e a cuantía dos premios finais. O funcionamento da campaña deste ano segue a mesma mecánica que nos anteriores, mediante uns boletos que os clientes deben rexistrar na páxina www.compranomorrazo.com para saber se obteñen premio.

Ao rexistrar os seus códigos de participación poderán acadar premios directos por valor de 50, 100 ou 200 euros. Cantos máis boletos se obteñan, máis posibilidades hai de gañar. Terán tempo de conseguilos ata o 8 de xaneiro nas máis de 200 empresas participantes das vilas de Bueu, Cangas e Moaña. E se os boletos non acadan premios directos non deben tirarse!! Porque entre todos os códigos rexistrados realizarase un gran sorteo. O sorteo dos 3 grandes premios de 1500 euros – un por cada localidade –celebrarase no marco da IV Gala do Comercio do Morrazo, que se organizará este ano en Bueu o 12 de xaneiro, un evento cargado de sorpresas que a organización desvelará en próximas datas. En canto á páxina web www.compranomorrazo.com, habilitada para o rexistro de códigos, cómpre dicir que xa leva contabilizadas arredor de 4.700 visitas, onde máis do 30% se produciron dende dispositivos móbiles e tabletas, un dato que aumenta ano tras ano. Esta campaña está incluida no Proxecto de Dinamización de FECIMO 2013 para accións de incentivación da demanda comercial da comarca do Morrazo que conta co financiamento da Xunta de Galicia a través da Dirección Xeral de Comercio en desenvolvemento do Plan Ágora, Agora Re-Comercia 2010-2013

23 de decembro de 2013 | 17:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.