As comisións previas ao pleno abordarán a proposta do Concello para o POS 2014
O Concello de Ames celebrará este xoves, 19 de decembro, as comisións informativas previas ao pleno ordinario deste mes. Nelas trataranse, entre outros temas, a proposta do Concello para o Plan de Obras e Servizos da Deputación da Coruña, no que se destina a maior porcentaxe a obras dos catro últimos anos, así como a sinatura dun convenio co Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar para a construción dunha nova escola infantil en Bertamiráns. Tamén se abordará a elección do xuíz/a de paz substituto/a e un recoñecemento de crédito.
Este ano, a Deputación da Coruña consignou para o Concello de Ames un total de 498.017 euros para o POS 2014. Segundo a proposta que se abordará na comisión, que foi presentada con anterioridade á oposición, en 2014 o Concello destinará o 80% do investimento (un total de 398.414 euros) á realización de obras, coa inclusión de 10 proxectos. No POS complementario, inclúense outras tres obras. O investimento restante destinarase a gasto corrente.
En total, o Concello destinará 390.047 euros á realización de dez proxectos. Deste xeito, investiranse 39.731 euros no acondicionamento de beirarrúas e mellora da calzada na rúa Xaquín Lorenzo do Milladoiro e 36.612 euros á dotación dun aparcamento no CEP de Ventín e ao asfaltado que dá continuidade á rúa do Seixo á estrada DP 206. Tamén se investirán 39.705 euros na pavimentación do camiño a Portanxil e Trasmonte e no asfaltado interior da aldea de Lens e un total de 49.060 euros no acondicionamento de senda peonil Tras do Río-CEIP Agro do Muíño.
No POS 2014, tamén se inclúen 32.606 euros para a pavimentación dunha senda peonil na estrada de Casanova a Raíces e 35.553 euros para o acondicionamento da rúa Fontaldeiro a Cantalarrana. Inclúense 40.696 euros para o asfaltado e acceso do aparcamento do campo de fútbol do Milladoiro e 35.000 para a mellora da seguridade peonil e asfaltado do acceso ao Colexio Alca. Por último, destínanse 46.644 euros a un conxunto de actuacións que se acometerán na Travesía do Pedregal e na Travesía do Lodeiro.
No tocante ao POS complementario inclúense tres obras: o acondicionamento do camiño Taller (Costoia) a cruce de Bertamiráns-Milladoiro-Framán e camiños en Buceleiras (cun orzamento de 50.029 euros), o camiño que une Cortegada e Montemaior (84.167 euros) e o camiño de Casanova a igrexa de Biduído, acceso interior a Casanova e camiños na parroquia de Piñeiro (41.422 euros).
Nova escola infantil
As comisións previas ao pleno de decembro tamén abordarán a sinatura dun convenio entre o Concello de Ames e o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar para a construción dunha segunda escola infantil en Bertamiráns. O Concello xa cedera á Xunta unha parcela de 3.389 metros cadrados no entorno Rego dos Pasos Sur para a posta en marcha de dita escola. O Goberno amiense seleccionou esta ubicación para a escola infantil por considerala como a máis adecuada, xa que a superficie reservada é superior á do anterior proxecto, e, ademais, trátase dunha zona moi céntrica. A demora rexistrada nas obras de urbanización do entorno fixo que se atrasase o proceso.
Por último, nas comisións informativas tamén se tratará a elección do xuíz/a de paz substituto/a do Concello de Ames.











