As bibliotecas municipais de Oleiros elaboran unha guía de lectura para o Nadal 2013

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOleiros
A-
A+

As bibliotecas municipais de Oleiros elaboraron unha guía de lectura titulada Queres ler connosco? . O documento está formado por 281 recomendacións de libros, DVD e CD. Esta escolla foi realizada polo persoal das bibliotecas e nela pódense atopar publicacións moi diversas. Trátase dunha selección de creacións de autoras e autores galegos, españois e internacionais, para distintos gustos, intereses, preferencias e idades. Boas historias e bos libros para ler, observar ou mirar, películas e discos para gozar e compartir.

Desde as bibliotecas municipais ofrécese esta guía de lectura cun dobre obxectivo: presentar obras de calidade literaria, artística ou científica para animar a súa lectura, audición ou visión e lembrar que un libro, un CD e un DVD son tamén un bo agasallo. Trátase de fondos das bibliotecas municipais que se poden levar en préstamo para as casas. Uns divirten, outros emocionan, fan pensar, provocan a reflexión ou achegan novos coñecementos. Os libros figuran clasificados por idades, para as que se considera que son máis axeitados. A idade para a que se recomenda cada obra é só de forma orientativa, xa que cada nena ou neno ten un grao de desenvolvemento mental que debemos respectar. En total publicáronse 2000 exemplares que se van repartir ao alumnado de educación primaria dos centros de ensino público deste concello, así como nas bibliotecas municipais.

En formato dixital vaise enviar aos institutos para que a distribúan entre o seu alumnado e profesorado, a todos os socios e socias das bibliotecas que teñan correo electrónico e aqueles que o desexen tamén a poderán baixar da web municipal. Animamos a todas as persoas que vaian facer algún regalo por estas datas de Nadal ou Reis a que obsequien os seus seres queridos cun libro, disco ou película. O gusto por ler non é innato, vaise adquirindo pouco a pouco, polo que desde este departamento desexan contribuír a espertar unha sensibilidade que faga descubrir o pracer que pode proporcionar a lectura dun bo libro.

18 de decembro de 2013 | 16:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.