publicidade hoxe

As asociacións lucenses solicitan a inclusión e normalización social no Día Internacional das Persoas con Diversidade Funcional

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugo
A-
A+

A Concelleira de Benestar Social e Igualdade, Ana González Abelleira, asistiu hoxe á lectura do manifesto co motivo do Día Internacional das Persoas con Diversidade Funcional, que se levou a cabo na Praza Maior ás 12.30 horas. Este ano o lema do manifesto foi Somos, podo e quero, e que elaborou o escritor Iago Pérez Santalla e que leu en nome de todas as asociacións.

O manifesto lembra que “de novo e coma sempre, as persoas ligadas á diversidade funcional e ao terceiro sector, tócanos navegar contracorrente nunha loita pola inclusión e normalización social, escolar, laboral e en xeral polo acceso en condicións de igualdade a todos os ámbitos desta sociedade á que temos moito que aportar e que ten a obriga de recibir os nosos aportes ao igual que os do resto da cidadanía.”

Iago Pérez salientou na lectura que “defendemos a presenza das persoas con diversidade funcional nos centros de ensino públicos e gratuítos en todas as etapas educativas, lembrando que este é un dereito recollido no artigo 26 da declaración universal dos dereitos humanos, e no 27 da nosa Constitución” ademais de que “é necesario integrar e non segregar e aprender a  convivir e naturalizar a diversidade funcional nas rúas”.

Ademais “queremos dicir que a atención á xente con diversidade funcional é unha fonte de emprego que resulta vital nestes tempos de crise. A Lei de promoción da autonomía persoal demostrou que non só é necesaria, senón que tamén é un campo de desenvolvemento profesional ao que moitas persoas chegaron por auténtica vocación, converténdose en grandes expertos do coidado e sobre todo na man da liberdade para moitas/os de nós.”

Iago Pérez rematou reclamando un “mundo novo a medida de todos que non é unha utopía senón unha necesidade, un mundo no que cada persoa sexa unha fonte imprescindible de coñecemento para o avance colectivo. Este mundo é posible, chámase  interdependencia e desenvólvese a base de vontade.”

Lugo na Rede de Cidades pola Accesibilidade

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, asistiu esta tarde ao acto de constitución da Rede de Cidades pola Accesibilidade da que o Concello de Lugo, xunto con 59 institucións máis, forma parte e que se conmemora o Dia Internacional das Persoas con Diversidade Funcional.

Esta rede que ten o nome de REDCA-4ALL, nace coa vocación de estratexia para mellorar a habitabilidade urbana e social a través do diseño universal dos espazos e servizos públicos das cidades, ao tempo que reforza as Boas Prácticas en Accesibilidade e configúrase como foro de intercambio de experiencias.

Para levar a a cabo este proxecto precísase a iniciativa municipal e a aportación das persoas con discapacidade e das entidades que as representan para que ofrezcan a análise das necesidades, as prioridades e as formas de concreción das mesmas.

3 de decembro de 2013 | 18:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.