publicidade hoxe

As actividades de igualdade e xuventude realizadas en Ferrol contaron coun total de 4.800 participantes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

Máis de 90 nenos/as con idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos participan dende o pasado luns nos programas de actividades de Nadal organizados polo Concello de Ferrol na Casa da Muller e no local veciñal de Covas, e que son de carácter gratuíto para as familias do municipio. O rexedor municipal, Jose Manuel Rey Varela, e a concelleira de Igualdade, Verónica Casal Míguez, visitaron esta mañá aos menores que se dan cita en Navidarte 2013, os obradoiros que se celebran na Casa da Muller en horario de mañá e tarde para nenos/as dende os 5 até os 11 anos.

Rey Varela destacou a capacidade do Concello de Ferrol para a organización de actividades en materia de igualdade de oportunidades e de xuventude que cada ano chegan a un maior número de persoas. Así, ao longo deste exercicio, un total de 4.800 persoas –incluídos escolares- participaron na programación desenvolvida polo Concello de Ferrol en materia de xuventude, corresponsabilidade, intercambio de roles, fomento do asociacionismo e do cooperativismo. “Das cen persoas que no mandato pasado participaban nas actividades de Igualde e Xuventude pasamos a máis de 4.000, o que é unha mostra que se está a facer unha programación do gusto da xente”, indicou o alcalde, quen engadiu que “é unha satisfacción comprobar como os fondos públicos serven para atender a un maior número de persoas”.

No que atinxe aos programas de Nadal para os máis pequenos, Rey Varela salientou  a descentralización desta actividade, coa posta en marcha dun servizo de ludoteca para estas datas no local veciñal  de Covas dirixido especialmente ás familias do rural. Esta ludoteca funcionará até o dúia 3 de xaneiro; e está dirixida a menores con idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos. Así mesmo, “Navidarte 2013” –para nenos/as dende os 5 até os 11 anos- funcionará na Casa da Muller até o 4 de xaneiro. Neste caso os horarios son os seguintes:

– Polas mañás: De 10.00 a 11.30 horas (nenos/as de 5 a 8 anos). E de 11.30 a 13.00 horas (nenos/as de 9 a 11 anos).

– Polas tardes: De 17.00 a 18.30 horas (nenos/as de 5 a 8 anos). E de 18.30 a 20.00 horas (nenos/as de 9 a 11 anos).

Casal Míguez sinalou que Navidarte “ë unha proposta de Nadal diferente onde os nenos e as nenas poden imaxinar, xogar e cantar a través de diferentes obradoiros que fomentan a creatividade e valores como a igualdade, a solidariedade e a responsabilidade”. Así, entre outros obradoiros, a Casa da Muller acolle estes días actividades de pintura, baile, teatro, fotografía, reciclaxe, etc. “Trátase de que durante este período de vacacións, os nenos/as realicen actividades lúdicas e educativas que, ao mesmo tempo, fomenten a imaxinación”, apuntou a edil de Igualdade e Xuventude.

O último día de ludoteca en Covas e de Navidarte na Casa da Muller, os participantes gozarán dunha festa infantil para despedir o Nadal.

27 de decembro de 2013 | 18:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.