Arranca en Verín a organización do Entroido 2014

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVerín
A-
A+

A partir da vindeira semana, o grupo colaborador coa organización do Entroido comezará a percorrer os diferentes establecementos comerciais e hostaleiros de Verín co fin de solicitar a colaboración dos mesmos na organización do vindeiro Entroido, a cita festiva máis significativa do municipio.

Conscientes do momento de crise económica actual, existente tamén para as institucións públicas, esta Comisión, cuxos integrantes van perfectamente identificados, estableceu varios eixos de traballo. O primeiro deles é a realización do tradicional libro do Entroido, que se reparte polos diferentes establecementos da vila, e na que se establecerán categorías de anuncios: ¼ páxina, ½ páxina, páxina completa, páxina seguinte a texto e a metade, e baixos portada. Nesta ocasión, e por primeira vez, todo o libro será en cor e en formato guía para facilitar a súa consulta, e os prezos serán os mesmos que no ano anterior.

Por outra banda, establecementos comerciais e de hostalería que tamén colaboren con importes superiores, serán identificados cun cartel coa seguinte lenda ‘Este establecemento colaborou co Entroido’, e segundo o importe o formato será diferente: debuxo cun cigarrón, dous cigarróns, tres cigarróns, catro cigarróns e con cinco cigarróns.

Con todo, desde a Comisión do Entroido co obxecto de recadar fondos para esta evento entre os/as veciños/as tamén promoverá a venda de produtos conmemorativos do Entroido de Verín. Todo co obxecto de seguir apostando por esta celebración, declarada Festa de Interese Turístico Nacional no ano 2009, afianzar as actividades realizadas en cada unha das xornadas, consolidar o número de orquestras e charangas, así como a celebración do Entroido na rúa, implicando ao maior número de veciños e visitantes posible.

Ademais o Concello de Verín está a elaborar, por segundo ano consecutivo, un Plan de Autoprotección para o Entroido, destinado a garantir a seguridade tanto do público participante como do persoal que exerce a súa labor profesional durante estas xornadas de festa.

18 de decembro de 2013 | 16:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.