publicidade hoxe

Arranca a campaña de Nadal das empresas asociadas a FECIMO do Morrazo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBueuCangasMoañaPontevedra
A-
A+

Xa está todo listo para que o luns día 9 de decembro dé comezo a Campaña de Nadal posta en marcha polas empresas de Bueu, Cangas e Moaña asociadas en FECIMO, co obxectivo de dinamizar o tecido empresarial local e dar a oportunidade de acadar importantes premios a todos aqueles que fagan as súas compras no Morrazo.

A creatividade deste ano pon de manifesto que este sorteo de tanta sona na nosa comarca converteuse en “TODO UN CLÁSICO DO NADAL NO MORRAZO”, dado que se leva celebrando 13 anos. Os establecementos xa recibiron o material co cal adornarán os seus interiores e
escaparates de xeito uniforme, identificándoos como participantes na campaña, así como as bolsas de papel con lazo vermello coas que desexarán un Bo Nadal a todos os seus clientes.

FUNCIONAMENTO

A campaña comezará o luns 9 de decembro e prolongarase ata o 8 de xaneiro de 2014. Nese periodo de tempo, os establecementos adheridos á promoción repartirán os coñecidos boletos con códigos de participación que os clientes terán que rexistrar na páxina web: www.compranomorrazo.com para saber se teñen premio. Esta páxina activarase o día de comezo da campaña, non antes.

Nesta edición participan na campaña máis de 200 empresas, das vilas de Bueu, Cangas e Moaña. Xá están en circulación entre todas elas uns 160.000 boletos con códigos de participación. O sistema de participación modernízase ano a ano, adaptándose ás novas tecnoloxías cunha páxina especialmente adaptada para dispositivos móbiles e tablets. Os clientes poderán utilizar calquer soporte para comprobar os seus códigos. Para quen non este familiarizado com este sistema, prestarase coma sempre a axuda necesaria dende as oficinas de FECIMO.

PREMIOS

Este ano repartiranse máis de 7.000 euros en premios entre aqueles que confían no comercio e a hostalaría local nestas datas. Os premios materialízanse en chequescompra para utilizar nas empresas participantes. Ao rexistrar os seus códigos de participación poderán acadar PREMIOS DIRECTOS, de 50, 100 ou 200 euros. Haberá:

3 PREMIOS DE 200 EUROS
3 PREMIOS DE 100 EUROS
35 PREMIOS DE 50 EUROS

Estes premios aparecerán ao longo de toda a campaña. Os agraciados deberán identificarse nas oficinas de FECIMO e presentar o boleto premiado. Todos os participantes, con premio ou non, deberán gardar os seus boletos, porque entre todos os rexistrados haberá un GRAN SORTEO FINAL: 3 premios de 1.500 euros en cheques compra, un por localidade (Bueu, Cangas e Moaña).

Este sorteo será celebrado o domingo día 12 de xaneiro, no marco da IV Gala do Comercio do Morrazo, que se organiza de forma rotativa entre os tres Concellos sendo realizada este ano en Bueu, no Auditorio do Centro Social do Mar.

ACTIVIDADES PARA OS CATIVOS

Por outra banda, estase a organizar outra actividade para darlle visibilidade aos establecementos asociados da comarca e que o ano pasado obtivo moita aceptación: A GYMKHANA INFANTIL que esta vez leva por nome “EXPLORADORES DO MORRAZO”. Trátase dun xogo atractivo e moi divertido para os nenos e nenas entre 4 e 14 anos, no cal terán que visitar os establecementos participantes e resolver unha serie de
probas. A data desta actividade farase coincidir coas vacacións de Nadal para que teñan tempo de xogar en familia e coñecer e interactuar coa diversidade de tendas que participan. Por suposto haberá sorteo de agasallos para os mellores “exploradores” que consigan resolver o número de probas requerido.

6 de decembro de 2013 | 19:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.