publicidade hoxe

Apróbase o plan DTC93 con 18 millóns de euros para os concellos da provincia da Coruña

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

A Deputación da Coruña aprobou hoxe o Plan DTC 93, “Unha Deputación para Todos os Concellos”, dotado con 18 millóns de euros e que, igual que sucedera no ano 2012, nace como un plan de carácter extraordinario co que a Deputación quere cooperar cos concellos na garantía do funcionamento dos servizos municipais esenciais.

O obxectivo do plan é colaborar no financiamento de investimentos e gastos dos concellos da provincia, cuestión que se consegue, en palabras do presidente Diego Calvo, “co plan máis flexible de todos os que existen nas deputacións galegas”. Deste xeito, os concellos poderán destinar os cartos que lles corresponden a obras e subministracións, honorarios de redacción de proxectos ou achegas municipais a outros plans, programas ou convenios.

As cantidades destinadas aos concellos defínense segundo criterios obxectivos segundo as variables de cota fixa (10%), esforzo fiscal (20%), número de parroquias (10%), poboación (30%) e superficie (30%).

Cos 18 millóns de euros cos que conta o DTC93, sumados aos 24,2 millóns que a Deputación inviste no seu POS anual,  ascenden a máis de 42 millóns os que se destinan este ano a plans con criterios de reparto obxectivos para todos os concellos e motivados co fin de dar solucións aos problemas municipais máis urxentes.

Ademais, hai que engadir tamén a esta cantidade os 24 millóns consignados na primeira edición do DTC a finais do ano 2012 ou os 6 millóns de euros que cada ano suma o plan de conservación de estradas provincias.

O presidente, Diego Calvo, defendeu na sesión plenaria que estamos ante un plan que, de novo, “ofrece un amplo abano de posibilidades porque sabemos que existen 93 necesidades como os 93 concellos que ten esta provincia”.

Medio millón de euros para actividades culturais, deportivas e sociais

O Pleno da Deputación aprobou tamén unha serie de acordos con diversas entidades culturais, deportivas e sociais, así como con concellos da provincia, para colaborar na posta en marcha de diferentes iniciativas. En total, a achega da institución que preside Diego Calvo deu luz verde a convenios que suman preto de medio millón de euros e que, entre outros, inclúen axudas para que poida ter lugar o Pantin Classic, a Mostra de Artesanía en Vivo de Vimianzo, o Torneo de Xadrez “Entre faros”, o Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo ou as actividades da Aula de Natureza no Museo Etnográfico das Brañas de Valga.

Castro de Baroña

Ademais, a sesión de hoxe tamén serviu para dar luz verde á colaboración da Deputación co Concello do Porto do Son para o proxecto de conservación arqueolóxica e posta en valor do Castro de Baroña. A institución provincial asumirá o 100% deste custe e achegará un total de 29.618,38 euros para este fin.

Dentro deste proxecto, realizaranse os traballos necesarios que garantan a conservacións das estruturas do monumento patrimonial, que sirvan para facilitar a visita e o seu aproveitamento sociocultural. Ademais, na muralla sur procederase á rectificación do perfil e na muralla e foso norte se realizará a restauración total.

Xardín Botánico en Santiago

Outro dos acordos aprobados hoxe foi o de colaborar coa Universidade de Santiago de Compostela no proxecto do seu xardín botánico. Tal e como reza o convenio, a Deputación achegará o 100% dun investimento que ascende a 165.931,5 euros e que recolle os traballos que se han realizar para a mellora e adecuación da parcela do xardín botánico universitario.

Dentro deste programa, efectuarase a limpeza das infraestruturas, incluído o ámbito próximo ao muíño dos Peleteiros ou a recuperación da infraestrutura hidráulica, entre outros.

Rexeitada a alegación do Concello de Oleiros

Finalmente, todos os grupos por unanimidade, baseándose nun informe da Intervención provincial, acordaron rexeitar a alegación presentada polo Concello de Oleiros contra o expediente modificativo de crédito.

20 de decembro de 2013 | 18:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.