Apróbanse os orzamentos para 2014 dos consorcios de incendios de Verín, Xinzo e Valdeorras
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, presidiu as reunión dos consorcios de incendios de Xinzo de Limia e Verín e participou tamén na xuntanza do Consorcio de Valdeorras, reunións nas que estivo acompañado polo director xeral de Emerxencias da Xunta de Galicia, Santiago Villanueva, e por alcaldes dos concellos que engloban os consorcios que, en total, representan a 27 municipios das comarcas de Xinzo, Verín e Valdeorras. Nas reunións aprobáronse as contas do presente exercicio e os orzamentos para 2014 destas entidades, e ábrese o camiño cara a constitución do Consorcio Provincial de Incendios de Ourense, que prevé comezar a funcionar no primeiro trimestre do vindeiro ano.
Esta entidade que aglutinará e coordinará a xestión de todos os consorcios -medida contemplada no Plan de xestión e estratexia operativa 2012-2015 da Deputación de Ourense, OURENSE 92- ten como obxectivo mellorar a coordinación dos equipos de incendios que actúan nas diferentes comarcas da provincia de Ourense, e que prestan apoio e colaboración en sinistros, accidentes e situacións de emerxencias relacionadas cos lumes.
A Deputación de Ourense está a impulsar a coordinación dos consorcios dos parques de bombeiros da provincia para mellorar a súa xestión tanto administrativa como técnica e de intervención a través da unificación deste entes no Consorcio Provincial de Incendios. “Esta unidade de acción permitirá incrementar a eficacia na xestión integral, redimensionar custes e mellorar a coordinación de actuacións, o que todos temos que impulsar e apoiar porque estamos a falar de seguridade das persoas e do medio ambiente”, afirma Manuel Baltar. A institución provincial é parte fundamental no desenvolvemento destas unidades de bombeiros en Xinzo, Verín, Valdeorras e no futuro a do Carballiño. Cofinancia o seu funcionamento cun total de 848.000 euros, o que supón o 37,5 % do orzamento destes consorcios.