publicidade hoxe

Aprobado o proxecto de reparcelación da Trinidade, no PEPRI do Casco Histórico de Ourense

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

O proxecto de reparcelación da Unidade de Actuación nº 15 “A Trinidade”, do Plan Especial de Protección e Reforma Interior (PEPRI) do Casco Histórico de Ourense, foi aprobado inicialmente esta mañá na Xunta de Goberno Local celebrada en sesión ordinaria. A concelleira de Urbanismo, Áurea Soto, deu conta xunto a técnicos do Concello dos detalles do proxecto, descrito como “unha xestión complexa e prioritaria”, nun ámbito que leva 20 anos sen desenvolverse, e cuxo proxecto de urbanización será aprobado en vindeiras datas.

Modificación de competencias

A Xunta de Goberno Local aprobou esta mañá por unanimidade a modificación de competencias anunciadas onte. Por unha banda, revocar as competencias outorgadas pola Xunta de Goberno do 15 de novembro de 2012, no concelleiro Antonio Rodríguez Penín; e delegar en favor da concelleira Áurea Soto as seguintes atribucións:

-Autorizacións en materias relacionadas coa xestión das áreas de infraestruturas, augas e saneamento e alumeado público,

-A potestade sancionadora relativa a estas materias,

-A competencia para o outorgamento de licencias de canalizacións de servizos e infraestruturas básicas,

-Contratacións e modificacións de carácter menor de acordo co establecido no orzamento e as súas bases de execución.

Oferta de emprego público do ano 2013

Na mesma sesión, a Xunta de Goberno Local aprobou a oferta de emprego do Concello de Ourense correspondente ao ano 2013, trala aprobación da mesma onte na mesa de negociación cos sindicatos. A oferta inclúe oito prazas de Policía Local, dous oficiais de promoción interna, e seis policías locais, por concurso. Todas as prazas convocadas corresponden ao subgrupo C1, escala administración especial e subescala servicios especiais.

19 de decembro de 2013 | 13:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.