Apertura do prazo de presentación aos Premios KiiCS-I de arte, ciencia e tecnoloxía
A Concellaría de Cultura, a través dos Museos Científicos Coruñeses, abre o prazo de presentación de ideas para os Premios KiiCS-I de arte, ciencia e tecnoloxía, convocados polo Concello en colaboración coa Fundación Barrié e a súa iniciativa educaBarrié.
Estes premios convidan a alumnos de Educación Secundaria Obrigatoria, Bacharelato e Ciclos Formativos de Galicia, entre 14 e 18 anos, a presentar ideas para desenvolver un proxecto relacionado coa arte, a ciencia e a tecnoloxía. A presentación de ideas poderá realizarse, até o 31 de decembro, de forma individual ou en grupos como máximo de 4 alumnos, e deberán estar avalados por un profesor.
Un comité de selección encargarase de admitir a concurso as ideas que poderán logo ser desenvolvidas, para posteriormente presentalas antes do 8 de marzo de 2014. Destes proxectos, seleccionaranse 5 finalistas, que os presentarán publicamente ante un xurado o 29 de marzo.
O primeiro premio é unha viaxe ás feiras científicas XV Exporecerca Jove, que se celebrará en abril de 2014 en Barcelona; Galiciencia 2014 en Ourense, no mes de novembro; e XIX Día da Ciencia na Rúa, na Coruña en maio.











