Amplíase o prazo dos concursos do Centenario de Vilagarcía para non coincidir cos exames de decembro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

A Concellería de educación decidiu ampliar a convocatoria dos concursos escolares convocados para conmemorar o Centenario do Concello de Vilagarcía de Arousa co obxectivo de que a coincidencia coa época de exames non impida a participación do alumnado que teña a intención de concursar. O prazo de presentación dos traballos dos certames de debuxo, redacción e curtas, que en principio remataría o xoves 5 de decembro, amplíase ata o 31 de xaneiro. A entrega farase no Rexistro Xeral do Concello.

A participación nos Concursos do Centenario é libre, é dicir, que pode presentarse de xeito individual calquera estudante que o desexe, sen necesidade de que o faga a través do colexio.. As bases foron remitidas aos centros educativos de Primaria, Secundaria, Bacharelato e Ciclos Formativos para que as difundan entre o seu alumnado e tamén se poden consultar no taboleiro de anuncios da web municipal. Os premios consisten en tablets e lotes de libros.

A Concellería de Educación convocou os concursos escolares sobre a fusión dos concellos de Vilagarcía, Vilaxoán e Carril. Os certames adecúanse ao nivel dos escolares aos que van dirixidos. Así, no concurso de debuxo poderán participar nenos e nenas de 1º, 2º, 3º e 4º curso de Primaria. Estableceranse dúas categorías diferentes, unha para os dous primeiros cursos e outra para os dous últimos, e concederanse dous premios en cada unha delas.

O certame de redacción está orientado a alumnos de 5º e 6º de Primaria nunha primeira categoría e de 1º e 2º da ESO na segunda e os premios serán similares aos do concurso de debuxo.

Os estudantes de máis idade poderán plasmar as súas ideas sobre o centenario en audiovisual a través do concurso de curtas. Tamén haberá dúas categorías diferenciadas, A primeira para alumnos de 3º e 4º da ESO e a segunda para os de 1º e 2º curso de Bacharelato. Como nos casos anteriores concederanse dous premios por categoría.

Con estes concursos o departamento que dirixe Rocío Llovo pretende que os escolares da cidade afonden un pouco máis na historia do municipio aproveitando a conmemoración do Centenario de Vilagarcía de Arousa. Ademais de promover o coñecemento da historia local, tamén se busca que a comunidade educativa reflexione sobre o carácter precursor da unión de Vilagarcía, Carril e Vilaxoán e as repercusións que tivo na vida dos veciños naquela época, na actualidade e no futuro.

3 de decembro de 2013 | 12:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.