Ames será escenario dun proxecto de hortos urbanos sustentables e solidarios en Milladoiro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAmesLocal Portada
A-
A+
Rueda na vista aos hortos urbanos

Rueda na vista aos hortos urbanos

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado polo alcalde de Ames, Santiago Amor, visitou esta mañá os hortos urbanos que está adecuando este concello no núcleo do Milladoiro, onde louvou este tipo de iniciativas destinadas a rexenerar espazos urbanos e fomentar o respecto medioambiental e o lecer produtivo entre os veciños e veciñas.

O custo total da posta en marcha deste proxecto acada preto de 40.000 euros, dos que o 70 por cento o aporta a Xunta a través do Fondo de Compensación Ambiental, xa que responde a un dos eixes deste programa como é a conservación da biodiversidade natural e cultural, o coñecemento e a utilización recreativa e didáctica dos recursos naturais e a formación en prácticas de cultivo respectuosas co medio rural.

O proxecto que se está levando a cabo no Milladoiro consta dun total de 48 parcelas, de 40 metros cadrados de superficie aproximada cada unha delas. Deste xeito, en cada un dos espazos está garantida unha produción suficiente para o abastecemento familiar ao tempo que permite asegurar tamén unha das técnicas da agricultura sustentable como é a rotación de cultivos.

Unha vez que estean perfectamente delimitadas, cos camiños, sistemas de rego e canles de drenaxe correspondentes, e coa terra vexetal e abonado necesarios, o Concello de Ames poñerá as parcelas a disposición dos veciños.

Trátase, en definitiva de que a veciñanza dispoña dun espazo de lecer saudable, xa que se está recuperando un espazo urbano para o seu uso público. Ao mesmo tempo, estes hortos urbanos son un elemento de socialización para os xubilados, promoven o intercambio xeracional -técnicas que os avós poden ensinar aos seus netos- e son tamén unha ferramenta de educación ambiental e respecto á natureza. Cómpre salientar así mesmo a compoñente solidaria deste proxecto, xa que unha porcentaxe das hortas estará reservada para persoas usuarias dos servizos sociais do Concello.

Fondo de Compensación Ambiental

O Fondo de Compensación Ambiental foi posto en marcha polo Goberno galego no ano 2010 -procedente do canon eólico- e permitiu que por primeira vez os concellos galegos se beneficien directamente da explotación de enerxía eólica en Galicia. A medida, ademais dun forte compromiso coas facendas locais e o medio ambiente, é unha clara mostra da aposta da Xunta polo reequilibrio territorial, xa que beneficia sobre todo a municipios pequenos e do interior de Galicia.

9 de decembro de 2013 | 18:07 • Sen comentarios

Comentarios pechados.