Ames asina o convenio para o desenvolvemento das escolas deportivas de voleibol co Club Bruxas
O alcalde de Ames, Santiago Amor, asinou co presidente do Club Bruxas, Fernando Lizuain, o convenio para a impartición das escolas deportivas municipais de voleibol ao longo deste curso 2013-2014. Deste xeito, o Concello e o club amiense reforzan un ano máis a súa liña de traballo conxunto á fronte dunha escola deportiva que reúne a rapazas de Ames co fin de promover o deporte feminino, o exercicio físico e levar unha vida saudable.
O convenio regula o traballo conxunto que se desenvolverá para que o club xestione a escola deportiva municipal de voleibol, e ten como marco temporal ata xuño de 2014. En total, participan nesta escola deportiva máis de 30 nenas amienses de entre 6 e 12 anos de idade. Os adestramentos lévanse a cabo no ximnasio do CEIP Agro do Muíño os martes e venres a partir das 16:30 horas.
Tras a sinatura do convenio, o alcalde de Ames, Santiago Amor, destacou “o traballo desenvolvido polo Club Voleibol Bruxas no fomento e desenvolvemento do deporte feminino en Ames”. O rexedor fixo fincapé no “compromiso do Concello de Ames co deporte e a súa aposta por poñer a disposición dos amienses unha ampla e variada oferta de disciplinas deportivas para todas as idades, sendo un dos poucos concellos que aposta intensamente polo deporte feminino”. Santiago Amor animou ao Bruxas a “seguir traballando para levar o nome de Ames e das xogadoras amienses ás diferentes categorías do voleibol galego”.
O Club Voleibol Bruxas destaca polo seu traballo e fomento do voleibol dentro do Concello de Ames. Este club retomou a súa actividade deportiva na tempada 2010 – 2011 co fin de poder competir de forma federada en categorías inferiores cos equipos do instituto IES de Ames e en categoría sénior co equipo do Club Voleibol Bruxas. En total, conta con 14 equipos de voleibol en diferentes categorías e nos que xogan máis de 150 rapaces e rapazas.











