Allariz recibe a visita dunha delegación africana no marco da Irmandade Galicia-Cabo Verde

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAllariz
A-
A+

Unha delegación africana visitará Allariz mañá venres no marco da Irmandade Galicia-Cabo Verde. A administración local é socia fundadora do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade e forma parte da súa Comisión Executiva na figura da concelleira de Benestar Social, Pilar Gallego, que exerce a Tesourería. A asociación municipalista está a levar a cabo esta semana un amplo programa de actividades por todo o país para visibilizar os proxectos de desenvolvemento apoiados no arquipélago lusófono durante os últimos once anos.

O alcalde de Allariz encabezará a recepción institucional na Casa Consistorial, a partir das 17.30 horas, mentres que a posteriori terá lugar un encontro coas asociacións da vila. Francisco García xa departiu onte coa comitiva caboverdiana en Santiago de Compostela, pois recibiunos na sede da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) en calidade de vicepresidente segundo da institución. Tamén alí se celebrou un encontro co municipalismo ao que acudiron representantes de diversos concellos galegos. En Allariz pecharase a axenda da misión, que inclúe tamén os concellos de Burela, Oleiros, Cambre, Vigo, Redondela e as deputacións de Lugo e A Coruña, amais de entrevistas con representantes da Xunta de Galicia e da Fegamp.

A delegación está encabezada por Manuel de Pina, presidente da Asociación Nacional de Municipios Caboverdianos e presidente da Cámara Municipal da Ribeira Grande, localidade da que maioritariamente procede a comunidade caboverdiana asentada na Mariña lucense. A delegación complétase con Rosa Lopes, presidenta da Cámara Municipal de Porto Novo e única alcaldesa entre os 23 municipios de Cabo Verde, e Vlademiro Almeida, redactor do xornal ‘Expresso das Ilhas’.

33 proxectos no arquipélago

O obxectivo da expedición é difundir en Galicia as iniciativas cofinanciadas en Cabo Verde polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, pero tamén sensibilizar á cidadanía e aos representantes políticos sobre as desigualdades entre os países do Norte e do Sur, nun exercicio de transparencia e intercambio.

O Fondo Galego iniciou a cooperación bilateral coa Asociación Nacional de Municipios Caboverdianos no ano 2002 e desde entón ten impulsado 33 proxectos de cooperación internacional  centrados en áreas como a habitabilidade, o xénero, a saúde e a educación, principalmente nas illas de Santiago, Santo Antão e Maio, mais tamén con presenza nas illas de Fogo, São Vicente e Brava. Promovéronse asemade once asistencias técnicas vinculadas ao programa de voluntariado internacional Vacacións con Traballo, un seminario sobre políticas de xénero, a realización de varios documentos audiovisuais e distintas misións  político-institucionais  tanto en Cabo Verde como en Galicia.

O Fondo Galego

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 90 Concellos e as Deputacións da Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Desde a súa fundación en 1997, o Fondo Galego ten desenvolvido 142 proxectos en 25 países e promove numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur.

12 de decembro de 2013 | 13:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.