AFAL ofrece unha charla no Fogar do Pensionista sobre os Talleres de Estimulación Cognitiva para enfermos de Alzheimer
AFAL Ferrolterra (Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras demencias) ofrecerá mañá xoves unha charla informativa sobre os Talleres de Estimulación Cognitiva para enfermos que pretende levar a cabo no novo Fogar do Pensionista de Cedeira en colaboración co Concello. Un programa dirixido única e exclusivamente a persoas que padecen Alzheimer ou outra demencia, diagnosticada polo médico. A charla, con entrada libre, celebraráse ás 17 horas no propio Fogar do Pensionista, e estará impartida pola presidenta da asociación, Milagros Prieto. O obxectivo dos talleres é mellorar a calidade de vida dos enfermos, realizar terapias no municipio de residencia –xa que ata o dagora están obrigados a desprazarse a Ferrol– e facilitar o respiro familiar dos coidadores. O Concello colabora con esta iniciativa cedendo a sala multiusos do Fogar do Pensionista, namentras que AFAL aporta os profesionais necesarios para desenvolver a actividade, que se levará a cabo se se reúne un mínimo de oito ou dez participantes. O prazo de preinscripción para que as persoas interesadas en participar nos talleres de estimulación cognitiva poidan anotarse está xa aberto. Só deben formalizar a solicitude nas oficinas municipais de Servizos Sociais do Concello; na sede de AFAL en Ferrol (r/Río Castro, 45-45, baixo), ou chamando ao teléfono da asociación (981 37 06 92). Unha vez se reúna un número mínimo de participantes iniciaríanse as sesións. Estas terían periodicidade semanal, en base á experiencia da intervención diaria que se leva a cabo nos Centros de Día que xestiona AFAL na cidade naval e impartiríanse dúas modalidades: dúas horas diarias tres días á semana ou ben dúas horas diarias dous días á semana. O custe da actividade é de 150 e 100 euros ao mes segundo a periodicidade.











