Adxudícanse as obras de saneamento da Puntada en Poio
A Deputación de Pontevedra adxudicou as obras de saneamento da Puntada, no concello de Poio, á empresa Construcciones E. C. Casas S. L.
Os traballos, que foron adxudicados por un importe de 64.494,21 euros, teñen como finalidade conectar as vivendas deste barrio de San Salvador de Poio coa rede de saneamento, eliminando os actuais pozos negros nunha zona especialmente sensible pola súa proximidade á ría.
As obras consistirán na construción de 171 metros de rede de saneamento e iniciaranse á altura da vivenda número 8, continuando cara ó sur para recoller as augas residuais doutras vivendas que actualmente carecen deste servizo.
Parte das augas residuais que se recollerán destas vivendas conduciranse ó pozo de bombeo que existe na actualidade, mentres que outras se levarán a un novo pozo que está previsto instalar no contorno da ponte da autopista.
Estas obras forman parte do paquete de adxudicacións realizadas hoxe na Xunta de Goberno da Deputación, no que tamén se inclúen actuacións en Forcarei, Dozón, Covelo e Mondariz-Balneario, por un importe global de 400.000 euros.











