Adxudicadas as obras do Servizo Común de Notificacións e Embargos de Vigo
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, fixo unha visita esta mañá ao Casco Vello de Vigo, onde anunciou que se acaban de adxudicar as obras do edificio que albergará o Servizo Común de Notificacións e Embargos por un importe de 800.000 euros.
Rueda, que estivo acompañado da delegada territorial da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch, explicou que os traballos se iniciarán de xeito inmediato no mes de xaneiro e que está previsto -tal e como se comprometera- que o edificio este rematado antes de que finalice o ano que vén.
A sede do novo servizo de notificacións e embargos contará con máis de 700 metros cadrados divididos en tres plantas e un local anexo, contribuirá á recuperación do Casco Vello de Vigo e axudará a paliar a falta de espazo nas sedes xudiciais da cidade; un problema no que se está traballando en toda Galicia en colaboración cos concellos.
Con ese mesmo espírito, a Xunta incluíu desde o primeiro momento a Vigo no Plan de Infraestruturas Xudiciais e reserváronse 15 millóns de euros para facer un novo edificio , á espera dos terreos que a día de hoxe seguen sen chegar.
Segundo explicou Rueda, o compromiso do Goberno galego coa Administración de Xustiza e coa Cidade de Vigo é claro, e se demostra na celeridade das súas actuacións. As obras do servizo de notificacións e embargos licitáronse cando aínda non se dispoñía da licenza municipal e en canto esta chegou -fai dúas semanas- adxudicouse a obra.
A Xunta e o Consorcio do Casco Vello adquiriron por case 600.000 euros un solar e un local nas rúas San Sebastián e Abeleira Menéndez coa finalidade de edificar neles o Rexistro Civil. Finalmente o Goberno decidiu remodelar o proxecto e destinar o edificio ao Servizo de Notificacións e Embargos.