Adecúanse os alcorques do aceirado no Barrio de Fontán, en Gondomar
O Concello de Gondomar, a través da Concellaría de Vías e Obras, que dirixe Jesús Salgueiro, está a realizar melloras no aceirado e nos alcorques con danos do Barrio de Fontán, situadas en fronte do supermercado Froiz.
A mala situación dos alcorques obstaculizaba o tránsito pola beirarrúa, sobre todo a aquelas persoas con algún tipo de minusvalidez ou de idade avanzada. “Estamos a traballar para mellorar, non só o aspecto das rúas de Gondomar, senón tamén a seguridade dos nosos veciños e veciñas”, explica Salgueiro.
Os traballos, levados a cabo por operarios de Vías e Obras, consistiron no recheo dalgúns alcorques para igualalos co firme; mentres que noutros se recortaron as raíces das árbores que os estaban a deteriorar.
Nova beirarrúa
Así mesmo, operarios do departamento de Estradas da Xunta de Galicia traballan na zona de Fontán na construción dunha nova beirarrúa que dará continuidade á xa existente diante do supermercado Froiz. O novo aceirado, que estará finalizado en breve, unirá un tramo de aproximadamente 150 metros de lonxitude, pasando pola Citroën e finalizando á altura de Materiais de Construción Quintas.
A actuación, moi demanda polos veciños, foi posible grazas ás xestións realizadas dende o Concello de Gondomar coa Xunta de Galicia, a quen pertence a titularidade da vía; e á colaboración dunha veciña do municipio que cedeu o terreo.