Actividades formativas para incrementar os beneficios pola venda dos 13,5 millóns de metros cúbicos de eucaliptos da Mariña
O Deputado de Economía do Coñecemento, Emprendedores e Innovación, Alfredo Llano García, participou este martes en Mondoñedo na posta en marcha dunha nova acción formativa gratuíta sobre profesións de futuro incluída no Fórmate en Verde, unha das 10 liñas de creación de emprego da Deputación na provincia. Trátase de “A Certificación Forestal”, unha xornada sobre a importancia deste selo e as súas vantaxes económicas, na que a custe cero participaron 30 persoas, que se reuniron no auditorio municipal.
Os expertos explicaron que existen dous sistemas de certificación, FSC e PEFC, que acreditan que se está a levar a cabo unha xestión forestal sostible, o que conleva o incremento do valor do produto. É dicir, este selo garante beneficios económicos que, dependendo do mercado, poden ser de 3 a 6 euros por tonelada.
A certificación forestal é necesaria para a comercialización de especies como o eucalipto, do que resulta a celulosa para a fabricación de papel. Segundo o Inventario Forestal Nacional IV, un estudo que se realiza cada 10 anos para España e no que se avalía a riqueza forestal da provincia, Lugo conta con 62.000 hectáreas de plantacións de eucaliptos –practicamente, na súa totalidade na Mariña- cunhas existencias de 13,5 millóns de metros cúbicos de madeira. Polo tanto, acadar a certificación en xestión forestal sostible deste eucaliptos supón o incremento de beneficios para os produtores mariñanos.
6 millóns de euros
Mañá, mércores 4 de decembro, a Deputación leva outra acción formativa gratuíta sobre profesións de futuro á Fonsagrada. Trátase de “Os soutos de castiñeiros: implantación, produtos, tratamentos culturais e doenzas”. 20 persoas xa formularon a súa solicitude para participar a custe cero nesta xornada, na que se abordarán enfermidades dos soutos, como a tinta e o chancro, ofrecendo solucións para a rexeneración destas árbores e a mellora da produción da castaña. Hai que ter en conta que Lugo conta cunha produción de 4.500 toneladas de castañas, que xeran un volume de negocio de 6 millóns de euros.
Continúa aberto o prazo de inscrición en www.deputacionlugo.org para esta e outras xornadas sobre agricultura e gandeiría ecolóxica, así como sobre o sector forestal do Fórmate en Verde, co que a Deputación ofrece formación gratuíta ó respecto de profesións de futuro a máis de 1.400 persoas co obxectivo de crear ou reconverter as súas empresas, xerando ou mantendo emprego na provincia.