Acendido o alumeado de Nadal en Compostela
Todo o alumeado de Nadal xa está acendido. Tras poñerse en marcha o 6 de decembro no Casco Histórico e no Ensanche, durante esta fin de semana tamén quedou lista a iluminación dos barrios e parroquias. O concelleiro de Festas, Francisco Noya, agradeceu á adxudicataria “a rapidez na instalación de todo o alumeado, así como o seu bo facer na montaxe”. Ademais, indicou que, como novidade, a maiores do xa anunciado, tamén se colocou alumeado na rúa Nova de Abaixo, Ramón Cabanillas, Fernando III o Santo e Santiago de Chile (Ensanche) e en San Martiño Pinario (Casco Histórico). Estes puntos non figuraban no prego de condicións e incorporáronse como melloras.
Lembrou igualmente que o custo do alumeado de Nadal neste 2013 é “un 50% menor ao do ano 2009 e chega a moitas máis zonas do termo municipal, xa que alcanza todas as parroquias e doce barrios”.