publicidade hoxe

Abegondo comeza as obras de humanización do núcleo de San Marcos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAbegondo
A-
A+

O Concello de Abegondo comezou na mañá de hoxe o seu plan de actuacións para a humanización da capital municipal. O obxectivo consiste en mellorar a contorna de San Marcos, núcleo que concentra un bo número de negocios locais, para impulsar e apoiar a súa actividade.

O plan iniciouse co asfaltado no centro urbano, renovando estradas que se habían ido deteriorando co paso do tempo. Así mesmo, tamén comezaron os traballos para mellorar a mobilidade das persoas mediante a supresión de barreiras arquitectónicas. En total, esta revitalización do comercio contará con tres grandes bloques de actuacións:

· Instalación de mobiliario urbano. O Concello colocará elementos como papeleiras, bancos, ou iluminación que modernizarán notablemente a zona, ademais de crear espazos para o descanso.

· Creación de zona verde. A estética do núcleo mellorará sensiblemente coa dotación de xardineiras e plantas.

· Eliminación de barreiras arquitectónicas, para posibilitar a todos os veciños e visitantes que poden acceder a todos os comercios.

Así mesmo, o Concello tamén prevé a dotación de elementos de sinalización que reforcen a mencionada visibilidade para as empresas. O Concello centrará os seus esforzos en modernizar os espazos comúns dos comercios para mellorar o atractivo de comprar en Abegondo. O plan busca ofrecer un contorna común que permita conectar a clientes e comerciantes.

O alcalde de Abegondo, José Antonio Santiso, sinala como un dos grandes obxectivos a mellora da “visibilidade” dos comercios, un “factor fundamental” para o desenvolvemento da súa actividade comercial.

O orzamento do plan ascende a 50.000 euros, dos que o 75% procede das axudas para revitalizar o comercio de proximidade que concede a Xunta de Galicia. A contía restante procede das arcas municipais.

9 de decembro de 2013 | 19:10 • Sen comentarios

Comentarios pechados.