publicidade hoxe

A Xunta Local de Ferrol aprobou o proceso de contratación do mobiliario urbano da Magdalena e as obras do centro cívico de Canido

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

O  Goberno Municipal de Ferrol, que preside Jose Manuel Rey Varela, aprobou hoxe a licitación de dúas actuacións comprometidas neste mandato, como son a subministración e instalación do mobiliario urbano do barrio da Magdalena e a execución das obras do Centro Cívico, para Persoas Maiores e Atención á Infancia de Canido. As dúas contratación foron aprobadas esta mañá en Xunta de Goberno Local.

No que atinxe á normalización do mobiliario da zona centro da cidade, o obxectivo desta intervención é a homoxeneización destes elementos tal e como está recollido no Plan Especial de Protección e Rehabilitación do barrio da Magdalena. Dita intervención terá un prazo de execución de tres meses e o orzamento base de licitación ascende a un total de 134.490,29 euros (21% do IVE incluído). As rúas que se verán afectadas pola normalización do mobiliario urbano son as seguintes: rúas María -dende praza de España a Rubalcava-, Galiano, Dolores, Real -dende praza de España a Méndez Núñez-, e Magdalena -dende Rochel a Rubalcava-. Esta proposta urbanística contempla a instalación de 60 xardineiras, 30 bancos con respaldo, 7 aparca-bicicletas, 3 expositores e unha fonte. Ademais, o actual mobiliario urbano que existe no barrio da Magdalena será reubicado noutras zonas da cidade. A actuación permitirá substituír o mobiliario instalado no anterior mandato que non é acorde cos requisitos de Patrimonio.

Así mesmo, a Xunta de Goberno Local deu luz verde hoxe á licitación para a contratación das obras de  execución do Centro Cívico, para Persoas Maiores e de Atención Infantil de Canido. Esta nova infraestrutura é un compromiso asumido por Jose Manuel Rey Varela no seu proxecto de cidade “Ferrol 2020”, e reiterado posteriormente nos encontros de traballos mantidos coa entidade veciñal do barrio dentro do Plan de Barrios. O prazo de execución é de doce meses e o importe total ascende a 1.058.731,95 euros (co 21 % de IVE incluído), con cargo ao programa Urban. O Centro Cívico e de Atención a Persoas Maiores e á Infancia de Canido, que ocupará unha superficie total construída de 1.160,15 metros cadrados, permitirá mellorar os servizos de carácter dotacional do barrio e cumpre unha demanda histórica da veciñanza.

Noutra orde de cousas, o Executivo local aprobou esta mañá a licitación para a contratación da execución do “Programa de formación e intervención en mantemento e conservación de fachadas de interese patrimonial na zona Urban”. Este programa formativo e de mellora do patrimonio da cidade terá unha duración de 600 horas (ao redor de seis meses) e o seu custe ascende a un total de 147.000 euros (21% do IVE incluído). Esta proposta consiste na execución de obra de intervención en fachadas de edificios de interese patrimonial na zona Urban da cidade -integrada polos barrios de Ferrol Vello, A Magdalena e Canido-, así como na prestación dun servizo de formación.

2 de decembro de 2013 | 19:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.