A Xunta de Goberno da Laracha solicita a participación en programas provinciais para potenciar deporte e cultura

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Laracha
A-
A+

O Concello da Laracha solicitará a participación nas convocatorias de subvencións da Deputación Provincial da Coruña dirixidas a cofinanciar diferentes actuacións nos eidos cultural e deportivo, referidas tanto ao desenvolvemento de programas como á mellora de instalacións.

Na sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local celebrada hoxe acordouse que o Concello se acollerá a diferentes liñas destes programas provinciais para cofinanciar os amplos e variados programas municipais de actividades que se desenvolven ao longo de todo o ano (inverno, verán, Nadal, Entroido e San Isidro e Letras Galegas) con propostas dirixidas a todos os públicos que se realizan para optimizar o tempo de lecer dos nosos veciños e, tamén, a axudar á conciliación de familias con nenos ao seu cargo.

Outra das subvencións á que optará o Concello da Laracha terá por finalidade acometer certas melloras no pavillón polideportivo de Caión e ampliar o equipamento do centro sociocultural de Paiosaco e da Casa da Cultura da Laracha.

Por último, preténdese participar nunha última liña de axudas para facilitar o desenvolvemento do plan municipal de potenciación da reciclaxe que o goberno local levará a cabo co obxectivo de aumentar a cobertura dos colectores amarelo (envases e plástico), azul (papel e cartón) e verde (vidro) nas zonas rurais.

Certificacións de obras e facturas

Salientar, tamén, que foron aprobadas certificacións de obras de mellora de infraestruturas municipais que recentemente se remataron de executar e facturas de gastos pola prestación de determinados servizos á poboación.

As certificacións de obras refírense á mellora dos accesos ao parque empresarial da Laracha desde o carballés núcleo de Castelo (proxecto promovido conxuntamente co concello veciño e cofinanciado pola Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia), a nova pavimentación e ampliación da rúa Arxentina e Avenida Manuel Fraga Iribarne (ambas no casco urbano da Laracha), a ampliación das redes de saneamento nas parroquias de Coiro, Lendo e Soutullo (núcleos de Coirón, O Retorno e O Igrexario de Soutullo) e á mellora das instalacións do campo de fútbol municipal da Porta Santa (Paiosaco).

As facturas corresponden á presentada por Sogama polo tratamento dos residuos sólidos urbanos e á empresa concesionaria do servizo de axuda no fogar. En ambos casos refírense ao mes de novembro.

O importe total das certificacións (en todos os casos, únicas) destas obras e das facturas sitúase en torno aos 380.000 euros.

9 de decembro de 2013 | 19:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.