A Xunta de Goberno da Coruña aproba unha nova convocatoria de rehabilitación cun orzamento de 1,8 millóns de euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O tenente de alcalde de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Martín Fernández Prado, anunciou esta mañá que a Xunta de Goberno Local desta semana aprobará unha nova convocatoria de rehabilitación de inmobles, que inclúe o Plan de Ascensores, cumprindo, un ano máis, co compromiso do Goberno local tanto coa rehabilitación como coa accesibilidade.

Tal e como lembrou Martín Fernández Prado, a maior parte das subvencións solicitadas polos cidadáns nos últimas anos ían dirixidas á instalación de elevadores nas súas vivendas. Neste sentido, o Goberno local ha destinado, en 2012 e 2013, máis de 3 millóns de euros, o que permitiu que se beneficiasen 180 edificios e 2.100 vivendas e xerou un investimento duns 13 millóns de euros, incluíndo o investido por parte dos cidadáns. O concelleiro tamén informou de que se están tramitando as solicitudes doutras 2.000 vivendas.

Para esta nova bolsa de axudas, o departamento que dirixe Martín Fernández Prado disporá de 1,85 millóns de euros:

1.000.000 euros para o Plan de Ascensores.
800.000 euros para a rehabilitación de vivendas.
50.000 euros para a eliminación de cableado exterior.

“Aumentará considerablemente a contía, xa que destinamos un 11% máis ao Plan de Ascensores que en 2013 e un 100% máis para rehabilitación de vivendas”, explicou. O prazo de presentación de solicitudes abrirase o 2 de xaneiro e pecharase o próximo 28 de febreiro.

Fernández Prado destacou o importante investimento na instalación de ascensores, mostra da aposta do Goberno local por mellorar a accesibilidade e, por tanto, a calidade de vida dos veciños. O concelleiro lembrou que se incrementaron as subvencións até o 50% do orzamento protexido, fronte ao 10% de antes, e un máximo de 5.000 euros por veciño, fronte aos 1.500 euros que existía de tope antes da chegada deste Goberno local. A esta medida súmanse a posta en marcha de máis de 500 pequenas obras que tratan de mellorar a accesibilidade en todos os recunchos da cidade; a instalación de 5 ascensores e escaleiras mecánicas na vía pública para facilitar o tránsito peonil; a recente adhesión á Rede de Cidades pola Accesibilidade; ou o traballo con entidades e asociacións de colectivos de persoas relacionadas con temas de discapacidade e accesibilidade e que colaboran coas súas achegas para construír, entre todos, unha cidade inclusiva e accesible.

O concelleiro explicou que o Goberno local realiza unha importante aposta en materia de rehabilitación, partida á que se dedican en 2014 case 5 millóns de euros que permitirán axudar aos veciños á vez que se reactiva a actividade económica. Ademais das subvencións para rehabilitación e instalación de ascensores, destinaranse 1,87 millóns de euros ás áreas de rehabilitación integral de Centro histórico, Birloque, Mariñeiros, Sacra Familia e Vivendas de Santa Cristina e 250.000 euros a unha nova liña de axudas para o pintado de fachadas e eliminación de rótulos de vivendas do ámbito PEPRI.

Ofimático

Por outra banda, o concelleiro avanzou que, nos próximos días, o Concello virará a segunda cota do Ofimático ás 200 persoas, empresas e entidades ás que corresponde realizar este segundo pago que, tal e como explicou, ascende a 4,8 millóns de euros, unha cantidade similar á primeira cota que xa está practicamente cobrada na súa totalidade.

Fernández Prado informou de que os promotores terán un mes de prazo, desde a data de notificación, para realizar o pago dunha cota que permitirá que as obras de urbanización sigan adiante en paralelo aos traballos de edificación.

9 de decembro de 2013 | 18:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.