A Xunta de Galicia inviste 40.000 euros na reforma da cuberta do CEIP Serra-Vincios
A delegada territorial da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch, acompañada polo alcalde de Gondomar, Fernando Guitián visitou esta mañá o CEIP Serra-Vincios para comprobar a finalización das obras de mellora da cuberta do colexio, nas que a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, investiu case 40.000 euros.
Esta obra forma parte das actuacións que este ano levou a cabo o departamento territorial de Educación a cargo do programa RAM (Reforma, Ampliación e Mellora) de centros educativos.
En total, a Xunta de Galicia investiu, desde o 2009, case un total de 350.000 euros para facer fronte ás necesidades nas infraestruturas educativas do Concello de Gondomar. Así, destinou aos centros de ensino básico (CEP e CEIP) un total de 275.424,74 euros mentres que nos centros de educación media, o investimento foi de 74.390,67 euros para diversas actuacións de reparación e rehabilitación.
Na visita desta mañá tamén estiveron presentes o xefe territorial de Educación, César Pérez Ares, a concelleira de Educación do Concello de Gondomar, Paula Bouzós, e os concelleiros de Urbanismo e de Servizos e Medio Ambiente, Carlos Lameiro e Juan Carlos González, respectivamente.