A xestión do punto limpo da Laracha adáptase para as persoas con diversidade funcional
O punto limpo da Laracha traballa xa cun novo modelo de xestión adaptado para persoas con discapacidade funcional. A colaboración entre o Concello da Laracha e o Centro Especial de Emprego ASPABER-UTE (concesionario desde o pasado verán da xestión desta instalación municipal) posibilitou desenvolver un programa informático que simplifica a realización das labores deste posto de traballo.
Así, o persoal do punto limpo dispón dunha tableta con pantalla táctil, que está en todo momento monitorizada desde a central de Aspaber, coa que, a través do citado software, con sinxelas accións poden controlar a actividade da instalación e actualizar a información en tempo real ao estar conectada a un servidor de internet, permitindo tanto á empresa como ao propio Concello obter informes ou realizar consultas a calquera hora do día sen ter que desprazarse.
José Manuel López Varela, alcalde do Concello da Laracha, e o presidente e a xerente de Aspaber, Francisco Costa e Dolores Fernández, presentaron hoxe aos medios de comunicación as claves do funcionamento deste programa informático. No acto tamén estiveron José Ramón Martínez Barbeito –tenente alcalde-, Manuel Pan –responsable da empresa deseñadora do programa informático- e traballadores do propio punto limpo.
Esta nova xestión, ademais de permitir a realización das tarefas a persoas con discapacidade funcional, suporá unha importante mellora no continuo control de todos os aspectos relacionados co funcionamento dunha instalación destas características, posibilitando administrar con eficiencia o control dos residuos e toda a información xerada.
Xestionar o punto limpo a través deste software facilitará a elaboración de bases de datos de usuarios da instalación, controlar a cantidade e o tipo de residuos depositados en cada recollida, realizar o seguimento das entregas ás empresas xestoras dos residuos recollidos e que o Concello da Laracha e Aspaber poidan acceder en calquera momento e a través da internet a informes e estatísticas para informarse sobre o funcionamento desta instalación municipal.
Novos servizos
José Manuel López Varela agradeceu o labor que desenvolve Aspaber a favor de persoas con discapacidade e valorou positivamente que o novo programa informático se estree no punto limpo da Laracha.
Tamén aproveitou a ocasión para lembrar a excelente aceptación que está a ter o servizo gratuíto de recollida de voluminosos a domicilio, que se puxo hai poucos meses, unha vez comezou a xestión do punto limpo por parte de Aspaber.
Ademais, fixo referencia á aposta que o Concello da Laracha realizará en próximas datas para facilitar a recollida selectiva de residuos no termo municipal. O goberno local, segundo anunciou o rexedor municipal, ten deseñado un plan por medio do cal dotará a todos os núcleos de poboación rural co colector amarelo de envases e ampliará nas parroquias a cobertura dos de papel-cartón e vidro. Os propósitos finais son, por unha parte, o respecto ao medio ambiente, procurando recuperar a maior cantidade posible de material reciclable e, por outra parte, reducir a cantidade de lixo que se xera e que debe ser tratado na central de Sogama. Esta iniciativa acompañarase con xornadas informativas sobre reciclaxe nos centros de ensino e tamén cunha campaña de distribución de material informativo que se realizará durante o mes de xaneiro.