A Universidade da Coruña recibirá o galardón “Ferrolán do ano 2013”
O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, informou hoxe que a Universidade da Coruña recibirá a distinción “Ferrolán do Ano 2013”. Así o acordou esta mañá a Xunta de Voceiros, que tamén decidiu cales serán as persoas e entidades que serán recoñecidas coa Insignia de Ouro de Ferrol: a Agrupación Artística Ferrolá Bohemios; o activista e animador cultural Luís Mera Naveiras; os promotores da irmandade co Concello de Mondoñedo José Manuel Couce Fraguela e Ramón Loureiro Calvo (conxuntamente); e o histórico socorrista e surfista ferrolán Juan María Abeledo Romeo (a título póstumo). A entrega destas distincións terá lugar no acto institucional que celebrará o Concello de Ferrol con motivo da festividade de San Xiao, o vindeiro día 7 de xaneiro ás 12:30 horas no Teatro Jofre; e que tamén servirá para conmemorar a irmandade coa cidade de Lugo.
No que atinxe a decisión de entregar a distinción de “Ferrolán do Ano 2013” a Universidade da Coruña, Jose Manuel Rey sinalou que deste xeito a corporación municipal “recoñece as importantes iniciativas que está a desenvolver na nosa cidade e a aposta polo futuro do noso Campus Universitario”. Neste sentido, lembrou que o organismo universitario “está garantindo o futuro crecemento do Campus Universitario de Ferrol coa potenciación da residencia universitaria pública, o acondicionamento do Hospital Novoa Santos para fines docentes e de investigación universitaria e o programa de aloxamento compartido interxeracional”.
Xunto coa Universidade da Coruña, no acto que terá lugar no Jofre o día de San Xiao, patrón da cidade, será recoñecida tamén a traxectoria doutros ferroláns e entidades aos que se lles imporá a Insignia de Ouro. Estes son:
– Agrupación Artística Ferrolá Bohemios: Este ano cumpriu o 25 aniversario da súa fundación. A agrupación é toda unha referencia da nosa cultura musical tradicional xa que desenvolven unha ampla labor de divulgación a través da súa participación na Festa das Pepitas, de promoción de Ferrol coas súas actuacións e de formación mediante o establecemento da súa escola de punteo, do centro de documentación e da recuperación de músicas tradicionais.
– Luis Mera Naveiras: Incansable activista e animador cultural. Promotor de iniciativas como o Club de Prensa, a revista Ferrol Análisis e a recuperación da memoria histórica de personaxes da nosa cultura. No ámbito musical realiza unha ampla labor como crítico, creador e animador. A súa figura é moi valorada, tanto como persoa, como cidadán e como dinamizador cultural.
– José Manuel Couce Fraguela e Ramón Loureiro Calvo: Foron os promotores da irmandade co Concello de Mondoñedo e continúan sendo, coas súas obras, piares fundamentais no mantemento da colaboración artística e cultural entres os dous pobos. Recibirán este recoñecemento de maneira conxunta.
– Juan María Abeledo Romeo (Kowabunga): Histórico socorrista e surfista ferrolán exemplo, dende o anonimato, de voluntarismo e de axuda aos demais cando non existían oficialmente os servizos de socorrismo nas praias. O recoñecemento coa Insignia de Ouro da cidade será a título póstumo.











