publicidade hoxe

A tradición do Apalpador chega aos alumnos de máis curta idade do municipio mosense

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMos
A-
A+

Esta mañá os cativos alumnos e alumnas da Escola Infantil da Porteliña e do Colexio de Petelos foron espectadores nas propias instalacións dos seus respectivos centros educativos dun contacontos de Nadal titulado “O Apalpador”. Onte fixeron o propio os pequenos da Escola Infantil de Cototorrón e mañá farano os alumnos e alumnas dos colexios Mestre Martínez Alonso en Castro-Mos e CEIP de Atín.

Trátase dunha actividade dirixida a nenos e nenas de 0 a 6 anos de idade promovida pola concellería mosense de Educación e Participación Cidadá, que dirixe a edil Kely Monzón, e que naceu coa intención de que os máis pequenos sexan os protagonistas destas festas e as vivan coa maior ilusión, ó tempo que son receptores de historias da nosa tradición como é o caso do apalpador.

“Na historia tradicional galega o apalpador era un carboeiro que cada ano nestas datas achegábase a visitar ós/ás nenos/as para ver se comeran ben durante o ano, unha historia tenra que axuda a que os/as nenos/as vexan estas datas dun xeito menos materialista”, declaraba hoxe Monzón.

Os obxectivos deste contacontos son achegar aos/as máis pequenos/as da casa a maxia do Nadal dunha forma lúdica e educativa, así coma ensinarlles unha tradición propia da cultura galega, continuar ca tradición que envolve a estas datas e desenvolver nos/as nenos/as actitudes e aptitudes como a imaxinación e o gusto pola lectura.

17 de decembro de 2013 | 19:12 • Sen comentarios

Comentarios pechados.