A Torre de Hércules converterase no taboleiro xigante de ‘Big Ciencia’

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal Portada
A-
A+

A Coruña será mañá escenario de Big Ciencia, un novidoso concurso popular sobre ciencia e innovación impulsado pola Consellería de Economía e Industria que este mes de decembro converterá as fachadas dos edificios máis emblemáticos das cidades galegas en xigantescos taboleiros de xogo.

A cita será ás 18.30 horas de mañá na Torre de Hércules, monumento Patrimonio da Humanidade que actuará de enorme pantalla de luxo. Tras estrearse onte na Praza do Obradoiro de Santiago, a xira do Big Ciencia continuará o próximo día 14 en Lugo e o 20 en Ourense, e rematará o 21 en Vigo. O concurso tomará así as principais rúas das cidades durante as vésperas do Nadal e nel poderán participar todos os cidadáns que se animen a medir os seus coñecementos fronte a un rival, sen necesidade de inscribirse previamente.

O obxectivo desta actividade, promovida pola Axencia Galega de Innovación coa colaboración da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (Fecyt), é achegar a innovación á cidadanía dun xeito ameno e divertido nas rúas da súa cidade. Esta acción de divulgación conta cun espectacular e innovador formato, xa que combina en plena rúa o concepto clásico de xogo de coñecementos coa proxección arquitectónica de gran formato.

Taller práctico sobre a tecnoloxía que fará grande o concurso

A gran novidade do Big Ciencia radica en que o taboleiro de xogo, no que se proxectarán a gran escala as preguntas e as respostas, será a fachada dun céntrico edificio da cidade na que se estea levando a cabo o evento, o que converterá cada acción en única.

Isto será posible grazas ao uso da proxección arquitectónica de gran formato, unha técnica ata o momento reservada a actividades de carácter artístico e que permitirá a Big Ciencia crear un novo concepto de divulgación científica totalmente innovador e de grande impacto visual.

Ademais, todos os interesados nesta tecnoloxía audiovisual terán a posibilidade de coñecela de preto nun taller práctico que se realizará nas cinco cidades galegas nas horas previas ao concurso. O de mañá na Coruña celebrarase desde as 17.45 h. da tarde nas inmediacións da Torre de Hércules.

Para todos os públicos

A mecánica do Big Ciencia será moi sinxela co obxectivo de facela accesible para todos os públicos, independentemente do seu nivel de coñecementos. O concurso botará a andar no momento no que dúas persoas se sitúen ante os pulsadores e a xigantesca pantalla. As preguntas serán tipo test e os participantes deberán elixir a resposta correcta de entre catro posibles, contando coa axuda dos espectadores para facelo. Precisamente este comodín do público fomentará a participación de todos os asistentes ao concurso, que ten o obxectivo de enganchar desde un principio dada a súa axilidade.

12 de decembro de 2013 | 13:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.