A sinatura do convenio no mosteiro de San Pedro de Rocas comeza o camiño da Ribeira Sacra para ser declarada Patrimonio da Humanidade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+
Acto de sinatura

Acto de sinatura

Os presidentes das deputacións de Ourense e Lugo, Manuel Baltar e Xosé Ramón Gómez Besteiro, e o presidente do Consorcio Turístico da Ribeira Sacra, Juan Carlos Armesto, asinaron hoxe no Mosteiro de San Pedro de Rocas (Esgos) o convenio de colaboración para a formalización da candidatura da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade, un acto que contou tamén coa presenza do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez, e do Valedor do Pobo, José Julio Fernández, así como con alcaldes e representantes dos concellos que integran a Ribeira Sacra nas provincias de Ourense e Lugo, e que supón o comezo do camiño para que este singular espazo natural sexa declarada Patrimonio da Humanidade por parte da Unesco.

O convenio recolle nas súas cláusulas que a finalidade é colaborar conxuntamente no desenvolvemento das actuacións necesarias para presentar diante do Centro do Patrimonio Mundial da Unesco a proposta de inscrición da Ribeira Sacra (Lugo e Ourense) para a súa declaración como Patrimonio Mundial.

As achegas económicas dos asinantes do convenio, así como, no seu caso, das institucións e entidades público-privadas que se sumen a este documento, serán fixadas pola comisión mixta de execución e seguimento –que celebrará a súa primeira reunión antes de que remate este ano 2013-, e no que atinxe ás adhesións, o documento sinala que ten “carácter aberto”, polo que será remitido aos gobernos autonómico e estatal para que, se o estiman oportuno, se adhiran ao mesmo. Do mesmo xeito, o convenio tamén estará aberto a posibles adhesións de máis entidades públicas ou privadas.

Trala sinatura do convenio e da foto de familia, o presidente da Deputación de Ourense destacou que o acto que celebramos hoxe aquí, no berce da Ribeira Sacra, “é un paso fulcral de cara o obxectivo marcado de acadar a declaración de Patrimonio da Humanidade por parte da Unesco para a Ribeira Sacra, pois a fortaleza do proxecto está na unión, na cooperación entre institucións e entidades e no traballo conxunto que entre todos fagamos para lograr este obxectivo”.

Manuel Baltar dixo que a Ribeira Sacra “xa é Patrimonio da Humanidade e agora queda que academos esa distinción por parte da Unesco e para iso temos que pasar das palabras aos feitos, e hoxe o facemos. Aquí, hai 1.500 anos, nacía a Ribeira Sacra e aquí, hoxe, nace tamén algo: unha candidatura ilusionante e coa que todos estamos de acordo en acadar esa distinción para un enclave xeográfico e socio-económico tan importante, que contribúe a esencia e a alma de Galicia, como é a Ribeira Sacra”.

Baltar agradeceu o traballo de todos os axentes implicados nesta tarefa, en especial aos alcaldes, “figuras fundamentais neste proceso”; ao consorcio “que os aglutina nun aspecto máis que importante como é o turismo”; á Deputación de Lugo que, ao igual que a Deputación de Ourense, “aprobou unha declaración institucional de apoio”, e tamén fondo agradecemento ao Valedor do Pobo “polo estudo técnico e académico que está a realizar a prol da Ribeira Sacra”, así como á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria “polo apoio inequívoco que amosou para que a candidatura da Ribeira Sacra sexa a aposta do goberno autonómico”.

Finalmente, Manuel Baltar destacou que entre todos temos por diante “un longo pero ilusionante camiño para destacar a singularidade desta fermosa contorna de Galicia, que conta con grandes fortalezas e oportunidades dende os puntos de vista natural, turístico, económico, histórico e cultural”, e resaltou que este convenio implica o traballo “baixo a cabeceira dunhas únicas siglas: R.S., Ribeira Sacra”.

Pola súa banda, Xosé Ramón Gómez Besteiro dixo que coa máxima de “conseguímolo entre todos” é como se acadan os éxitos en proxectos como este “que son tan importantes para Lugo, Ourense, Galicia e España, porque a suma de todos nos vai a permitir defender, coidar e amosar a enorme riqueza que ten a Ribeira Sacra”. “É unha enorme responsabilidade e un camiño longo –engadiu Besteiro- que iniciamos hoxe e que rematará mantendo esta fortaleza de unidade e para o que temos que seguir sumando vontades dentro e fóra de Galicia”.

Pola súa banda, Juan Carlos Armesto, presidente do Consorcio Turístico da Ribeira Sacra destacou a importancia deste proxecto “para contribuír á sustentabilidade dun territorio que permita garantir o disfrute desta riqueza ás xeracións posteriores” e destacou os aspectos “da paisaxe natural, o viño e o patrimonio histórico-artístico”, poñendo como exemplo o Mosteiro de San Pedro de Rocas “polo que pasan anualmente máis de 25.000 visitantes”.

O conselleiro de Cultura, Xesús Vázquez, destacou na súa intervención “o sobresaínte valor universal da Ribeira Sacra, que é un compromiso de todos para acadar que esta realidade sexa recoñecida pola Unesco”. Xesús Vázquez engadiu que a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, “prestará o seu apoio incondicional, actuando coa máxima dilixencia na tramitación da candidatura, previa ao seu envío ao Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, e na supervisión do contido da mesma”, engadindo que a Xunta de Galicia “prestará, asemade, o seu asesoramento técnico aos estudos de elaboración da candidatura para axudar a realizar un documento solvente e cientificamente viable para acadar o resultado desexado”.

O Valedor do Pobo, José Julio Fernández, alto comisionado do Parlamento de Galicia, contribúe ao proxecto de xeito fundamental co estudo sobre a Ribeira Sacra que están elaborando técnicos, documentalistas e académicos. Explicou que este equipo multidisciplinar “está a desenvolver un informe base para a solicitude que se presentará diante da Unesco, no que se analizan aspectos de historia da arte, botánica, antropoloxía, botánica, patrimonio eclesial e viticultura, entre outros”.

Para o desenvolvemento das actividades do convenio establecerase unha Comisión Mixta de Execución e Seguimento, integrada por representantes de cada unha das entidades asinantes do convenio, á que corresponderá a concreción, execución, seguimento, interpretación e avaliación das accións derivadas do convenio. As funcións da Comisión de seguimento serán o cumprimento do convenio; concretar, seguir, interpretar e avaliar as accións derivadas do mesmo, así como adoptar ou propoñer as medidas necesarias para garantir o exercicio coordinado das competencias de cada unha das partes.

14 de decembro de 2013 | 17:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.