publicidade hoxe

A recollida de xoguetes, libros e alimentos de Tomiño remata o día 15 deste mes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaTomiño
A-
A+

A Concellaría de Cultura do Concello de Tomiño leva adiante estas semanas a campaña “Por unhas Festas Solidarias e Integradoras”, coa finalidade de recoller xoguetes, libros de lectura e alimentos, destinados ás familias máis desfavorecidas do municipio.

A recollida, na que colabora unha vintena de asociacións do municipio, remata o día 15 de decembro. O 16 o Concello procederá a recoller as doazóns polos centros colaboradores, procedendo á selección e empaquetado dos obxectos. A distribución levarase a cabo a través dos Servizos Sociais do Concello, entre as familias demandantes de prestación.

Os alimentos, non perecedoiros, serán recollidos no mesmo prazo que os xoguetes e libros, pero distribuiranse coa colaboración de SOS Tomiño, entre as persoas que solicitan a axuda desta entidade.

Cristina Martínez, concelleira de Cultura e responsable da campaña, explicou que a iniciativa ten coma finalidade axudar ás persoas que pasan por unha situación difícil. “Non queremos que ningún neno ou nena de Tomiño se quede sen ter un agasallo nestas festas”, precisou.

Entidades colaboradoras:
Asociación Veciños de Carregal, Asociación Cultural Alecrín de Carregal, Asociación de Veciños de Pinzás, Asociación de Veciños “O Arbol”, Asociación de Veciños “Os Medos”, Asociación Mulleres de Maraghozo, Asociación Centro de Figueiró, Asociación  Veciños San Salvador de Sobrada, Asociación Veciños de Amorín, Asociación V. San Miguel de Taborda, Asociación Veciños de Forcadela, Asociación Veciños de Goián, Asociación  Rego da Salgosa, Asociación C. Escola Virxe do Alivio, Comunidade de Montes de San Salvador de Tebra, Mulleres Rurais de Tomiño e Asociación de Mulleres Paso a Paso (estas dúas terán ao seu cargo o empaquetado dos agasallos), SOS Tomiño, ADETO, Banco de Tapóns, Arco Baixo Miño e Asociación Mototurística Mentes Libres.

10 de decembro de 2013 | 18:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.