publicidade hoxe

A proxección “Manfred, home sen paz” dará remate á exposición sobre o alemán de Camelle

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAres
A-
A+

A exposición sobre Man, o alemán de Camelle, promovida pola asociación Fuco Buxán e a Fundación Man, coa colaboración do Concello de Ares, rematará o vindeiro xoves, día 12, coa proxección de “Manfred, home sen paz”, un documental gañador do premio Mestre Mateo 2010 dirixido por Simón Vázquez e con guión do propio Vázquez e David Formoso.

Esta peza audiovisual, que poderá verse no salón de actos da Alianza Aresana ás seis da tarde, fai o retrato máis singular proposto ata agora do alemán de Camelle, sumándose á reivindicación da súa memoria e legado. Na súa realización, combínanse grabacións de arquivo xunto con testemuñas de especialistas e xentes que o trataron.

A este acto acudirán o alcalde, Julio Iglesias, e o concelleiro de Cultura, Eugenio Fernández, entre outros representantes políticos.

En canto á mostra, pode visitarse na Casa da Xuventude ata o mesmo xoves, en horario de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 19.00. A exposición, como xa se informara, recolle a obra artística, fotografías e textos de  Manfred Gnädinger, o  home que viviu durante corenta anos na costa de Camelle facendo esculturas e outros elementos artísticos cos materiais naturais que atopaba.

Man morreu o Día dos Santos Inocentes de 2002 aos 66 anos, vítima do Prestige e como o seu derradeiro acto de rebeldía, deixando un grande baleiro en Camelle e na arte galega.

OBRADOIROS DESTA SEMANA

Por outra banda, prosigue o calendario de actividades promovidas pola área de Cultura do Concello co gallo das vindeiras festas do Nadal.

Así, mañá mércores desenvolverase o obradoiro de postais de Nadal, en horario de cinco a sete da tarde na biblioteca, e o venres 13 terán lugar o de adornos caseiros propios destas datas, no mesmo lugar e horario que o anterior, así como outro de customización de roupa. Este último obradoiro é o único que ten un custo de tres euros –o resto de actividades municipais é de balde- e vai dirixido a persoas de 12 anos en adiante. O obradoiro impartirase na Casa da Xuventude entre as sete da tarde e as dez da noite.

Para participar en todas estas iniciativas é necesaria a inscripción previa nas dependencias municipais (nomeadamente, na Alianza).

10 de decembro de 2013 | 20:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.