A provincia de Ourense recuperou 3,5 millóns de euros que lle adebedaban de fondos europeos
A Deputación de Ourense recuperou ao longo deste ano 2013 máis de 3,5 millóns de euros que lle adebedaba o Fondo Social Europeo no período 2007-2013 e o Feder. As xestións realizadas polo goberno provincial diante do Ministerio de Facenda permitiron este mesmo mes desbloquear unha partida de 331.377 euros, que lle adebedaba a Secretaría General del Tesoro y Política Financiera, en concepto de subvencións con cargo ao programa de Adaptabilidade e Emprego do Fondo Social Europeo. As xestión realizadas diante do Ministerio de Facenda, permitiron desbloquear –como xa acontecera nos meses anteriores con outra partida de 990.965 euros- as obrigas de pago que tiña asumidas o Estado coa Deputación de Ourense.
En xuño pasado, a Deputación de Ourense xa recuperara outros 483.323 euros que se lle adebedaban desde o ano 2010 do Proxecto Arraiano, financiado con fondos Feder da Unión Europea. E ao longo do ano a institución provincial ingresou outras partidas que suman en total máis de 1,7 millóns de euros, correspondentes aos proxectos Delorur, Terras do Avia, e os programas POCTEP e Espacio Atlántico. Desta maneira, todas as cantidades sumadas dan unha cifra de 3.511.054 euros recuperados este ano pola Deputación de Ourense.
As xestións que Manuel Baltar está a facer para reducir a débeda que outras administracións teñen coa institución provincial fixeron posible desbloquear estas importantes partidas que o Fondo Social Europeo e o Feder adebedaban á Deputación de Ourense.
Desde que en febreiro do ano pasado Manuel Baltar tomara posesión como presidente do goberno provincial, unha das liñas da súa xestión enmárcase na xestión da débeda que outras administracións teñen coa Deputación, para tentar achegar vías de acordo que permitan atopar solucións que fagan posible o retorno deses fondos ás arcas da institución provincial.
Nos últimos meses, Baltar intensificou as devanditas xestións en diferentes ámbitos institucionais para coñecer a situación na que se atopaba o expediente deste programa europeo, así como as causas que motivaban esta notable demora nos aprazamentos do pago.
O presidente da Deputación marcouse como un dos obxectivos principais da súa xestión ao fronte do goberno provincial o redimensionamento do ente e potenciar os servizos e a cooperación cos concellos.
Precisamente a “fusión de servizos” anunciada no seu momento por Manuel Baltar no marco do Plan OURENSE 92 “é un instrumento que nos permite facer máis con menos. É un reto, pero tamén unha oportunidade. Desta maneira -afirma Baltar- imos ser máis eficientes a pesares de contar con menos recursos, e a para iso non hai outra estratexia que aforrar, planificar, priorizar e levar a cabo accións focalizadas exclusivamente nas principais necesidades dos concellos e dos cidadáns”.











