publicidade hoxe

A programación de Nadal arranca esta fin de semana en San Sadurniño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

A programación iníciase este domingo, día 15, ás 19.30 h. na casa da Cultura coa obra “O reino dos Fantoches”, da compañía Teatro Calavera. É unha comedia para toda a familia que narra as desventuras dun rei e unha princesa ben fachendosos que están a piques de perder o tesouro real. Os nenos e nenas xunto cos papás e mamás gozarán desta historia de risa con entrada gratuíta.

O venres 20, tamén na casa da Cultura, desenvolverase entre as 17 e as 20 h. a tradicional festa de Nadal para os cativos. Vai dirixida a menores de 12 anos e está dividida en dúas partes: unha de 17 a 19 h. cun obradoiro de circo e xogos, e outra de 19 a 20 h. en que os nenos e nenas recibirán a visita da Apalpadora, a figura mítica que baixa todos os anos dos montes do Courel para cumprir os desexos da cativería. Para participar na actividade haberá que inscribirse antes na propia casa da Cultura e unha vez iniciada a festa, os maiores deberán abandonar o recinto.

Pola súa banda, a Asociación de Veciños O Castelo de Naraío tamén organiza o seu Nadal na lareira o sábado 21 a partir das 18 h. No local social da Veiga actuará o mago Fon, que presentará o seu espectáculo “Maxia desde o corazón”. Ao remate o Apalpador tamén pasará polo local social para tomar un chocolate ben quentiño cos nenos e os seus pais. A actividade está aberta a persoas socias e non socias da entidade.

Para o domingo 22, a Parroquia de San Sadurniño e o Concello organizan no convento do Rosario unha velada musical a cargo dos coros de Lamas e San Sadurniño, que interpretarán, entre outras pezas, varias panxoliñas. Será ás 19.30 h. con entrada gratuíta e para todos os públicos.

Nadal deportivo e solidario

Para a semana central do Nadal -os días 23, 26 e 27- o Concello preparou unha oferta lúdica centrada no deporte na que poderán participar os nenos e nenas entre 7 e 12 anos. Cada un deberá inscribirse nun mínimo de catro actividades de acordo coas seguintes posibilidades:

-Luns 23: de 10.30 a 12 h., bicicleta e de 12 a 13.30 h., baile moderno.
-Xoves 26: de 10.30 a 12 h., fútbol sala e de 12 a 13.30 h., voleibol.
-Venres 27: de 10.30 a 12 h., patinaxe e de 12 a 13.30 h., tenis.

Todas as actividades terán lugar no pavillón municipal e as inscricións haberá que facelas antes do 20 de decembro na casa da Cultura. O Concello conta coa colaboración do Aldebarán de volei, o CF. San Sadurniño, a Asociación Brío e do Clube MTB Biela e Chaveta.

O deporte non para aí, senón que o sábado 28 a partir das 17 h. hai organizado un evento solidario que enfrontará a pais e nais contra fillos e fillas xogando a voleibol e fútbol sala. As inscricións deben formalizarse o venres 27 como moi tarde e, ademais, cada persoa deberá doar un ou máis alimentos que despois se distribuirán entre as persoas máis necesitadas do municipio. O obxectivo é recoller a maior cantidade posible de aceite, arroz, azucre, galletas, fariña, legumes, pasta, cereais, conservas… e calquera produto non perecedeiro. Nesta proposta colaboran, de novo, o CF San Sadurniño e o Aldebarán.

Cine e máis música

O día 29, derradeiro domingo do 2013, a partir das 19 h., o pazo da Marquesa abrirá por primeira vez ao público para acoller a actuación do grupo Doa, formado por Óscar Fernández á zanfona, Susana de Lorenzo -voz e harmonium- e Xoán Piñón á guitarra. Os tres revisan o cancioneiro galego a través do seu traballo “A fronda dos cervos”, que nos levará á Galicia medieval e trobadoresca. Ademais de gozar da música, o público tamén poderá aproveitar para visitar as dependencias da futura sede municipal tralo remate dos traballos de rehabilitación e acondicionamento interior.

Por outra banda, o Concello preparou para os primeiros días do ano un ciclo de cine baixo o título de “Educación para o desenvolvemento” en colaboración co Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. Proxectaranse dúas películas que afondan en valores como a paz, a tolerancia, a xustiza social ou a defensa do ambiente. Así, o xoves 2 de xaneiro a partir das 11.30 h. pasarase o filme “Kirikú e as bestas salvaxes”, mentres que o venres 3 á mesma hora tocaralle a vez á película “Happy feet”. As proxeccións faranse na casa da Cultura con entrada gratuíta e os nenos e nenas menores de 12 anos deberán estar acompañados dunha persoa adulta.

E na programación municipal non podía faltar a visita dos Magos do Oriente, que chegarán o día 5 a iso das 18.30 h. á praza do Concello para escoitar a xeito de recordatorio todo o que piden os nenos e nenas de San Sadurniño. Porén, desde as 17.30 h. xa haberá xogos populares e outras actividades ao aire libre sempre que o tempo o permita.

Por último, o día 11 de xaneiro a partir das 19 h. poderemos escoitar ao vivo na casa da Cultura o último traballo do cantautor local Marcelo Fraguela. O prezo da entrada normal son 5 euros ou 2,5 con desconto.

12 de decembro de 2013 | 19:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.