A Policía Local do Carballiño detén a dous mozos por atentado contra os axentes da orde pública
Na madrugada do pasado domingo, 8 de decembro , sobre as 3:30 horas, a policía local do Carballiño recibiu varios avisos telefónicos alertando dunha pelexa nun pub da zona da Praza do Emigrante. Desprazados ao lugar dos feitos a patrulla comproba que no exterior do local estaban congregadas un número importante de persoas, entre os que estaban dous homes novos en actitude moi violenta, un deles sangrando por unha man.
Os alí presentes advertiron aos axentes que eses dous mozos eran moi agresivos e que xa dentro do local protagonizaran unha liorta. O local atopábase pechado para impedir o acceso desas dúas persoas ante o temor de que volvesen entrar, en previsión de novos altercados.
Os axentes trataron de afastar aos dous mozos do grupo alí congregado, para requirir a documentación e posterior asistencia médica do ferido. Os dous mozos negáronse reiteradamente á identificación. Ante a complexidade da situación os axentes solicitaron o apoio da Garda Civil, desde onde se mandou unha patrulla de reforzo.
Os axentes , nese momento ,deciden intervir inmobilizando a un deles, mentres o segundo trataba de impedilo golpeando aos policías, polo que tamén tivo que ser esposado. Unha vez reducidos tentaron autolesionarse, dándose cabezazos contra os cristais do coche patrulla. Ambas as persoas foron detidas, imputándoselles un delito de desobediencia grave, resistencia e atentado contra os axentes da autoridade.
Os dous detidos eran D e J.A.F , nacidos en 27 de agosto do 91 o primeiro, e o 8 de maio do 94 o segundo, os dous en Cangas de Narcea, Asturias, e con domicilio en Berrón de Sieiro, tamén en Asturias.
Durante os sucesos, unha terceira persoa dedicouse a alentar ao resto das persoas contra os policías, dirixíndose en voz alta aos alí congregados con frases como “policía asasinos, a por eles”. Esta persoa xa foi identificada e será denunciada por estes feitos. Durante a intervención dous policías resultaron lesionados necesitando asistencia no centro de saúde do Carballiño e o complexo hospitalario de Ourense.