publicidade hoxe

A Policía Local da Coruña pon en marcha o Dispositivo Especial de Nadal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O Concello da Coruña informa de que o vindeiro luns, 16 de decembro, ponse en marcha o Dispositivo Especial de Nadal, que desenvolverá a Policía Local para reforzar a seguridade cidadá e o control do tráfico. Até o 7 de xaneiro dedicará especial atención ás zonas de gran actividade comercial, onde se concentra a afluencia de persoas e vehículos para as compras do Nadal.

No dispositivo estarán implicadas todas as unidades do Corpo da Policía Local, especialmente a Unidade de Tráfico (Ateigados, Disciplina Viaria e Sala de Pantallas), que contará co reforzo de persoal e patrullas do resto de unidades operativas (Sección de Motos e Unidades Territoriais). A planificación programada implica que unha media de 100 policías locais patrullarán as rúas neste dispositivo do Nadal entre a quenda de mañá e tarde.

Os obxectivos que se estableceron con este dispositivo son os de favorecer a mobilidade; mellorar a fluidez nos itinerarios do transporte público; axilizar a circulación nas zonas de maior densidade de tráfico evitando as paradas e estacionamentos indebidos; e informar das mellores alternativas, tanto para circular como para atopar estacionamentos.

Facilitarase información a cidadáns e comerciantes para favorecer a fluidez do tráfico, fomentando a utilización do transporte público, e para mellorar a seguridade viaria mediante o uso responsable do vehículo particular. Ademais, procederase á regulación e control do tráfico procurando desenvolver actuacións preventivas para facilitar a fluidez nos accesos á cidade e ás zonas de gran actividade comercial, e actuarase mediante sinalización preventiva nas vías de circulación que se consideren necesarias. Ademais, manterase o dispositivo habitual para Alfonso Molina e desde a Sala de Tráfico da Policía Local estableceranse protocolos de actuación para regular os semáforos en función da densidade de circulación, ao obxecto de incidir nunha maior fluidez.  

A Concellaría de Seguridade prestará especial atención nas zonas comerciais, con presenza continua de axentes entre as 12 e as 14.30 horas e entre as 18 e as 21 horas -eventualmente anticiparase a presenza ás 11.00 horas na quenda de mañá e desde as 17.00 horas no de tarde- nos seguintes puntos: Obelisco, praza de Mina, praza de Ourense, rúas Picavia e Pai Feijóo, rúa Barcelona, Agra do Orzán, Ramón e Cajal, Alcalde Marchesi, e glorieta de acceso a Marineda desde As Rañas. Durante o horario de tarde, tamén existirá unha presenza continua de policías locais na glorieta de Eduardo Diz e na avenida de Glasgow con San Cristóbal.

O deseño deste dispositivo realizouse tras unha análise da problemática do tráfico en cada zona da cidade, avaliando a experiencia de anos anteriores, e contará con tres niveles de actuación, en función da intensidade prevista de vehículos e persoas:

– Nivel ALTO, para os días de maior intensidade: tarde do 20 de decembro e os días 21, 22, 23, 24, 28, 29, 30 e 31 de decembro; 4, 5 e 7 de xaneiro.
– Nivel MEDIO, para os días de intensidade media: 26 e 27 de decembro; e 2 e 3 de xaneiro.
– Nivel BAIXO, para os días de menor intensidade: 16, 17, 18, 19, a mañá do 20 e o día 25 de decembro; e 1 e 6 de xaneiro.

14 de decembro de 2013 | 20:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.